Dúas persoas mortas por Covid-19 mentres baixan os casos activos

Unha sanitaria pon unha picada contra a Covid-19. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
Malia a lixeira redución de casos activos de Covid-19, dúas persoas máis perderon a vida, 2.538 desde o comezo da pandemia. A Xunta informa de que foron administradas 3.885.791 doses de vacinas contra o coronavirus.

Despois da suba durante tres días consecutivos, redúcense lixeiramente os casos activos de Covid-19 na Galiza, segundo os datos da Consellaría de Sanidade, até 10.878.

A área sanitaria da Coruña continúa á cabeza dos casos, con 3.294, séguenlle, por número de persoas con coronavirus, a de Vigo con 2.592, e Lugo con  1.232.

Tras elas, sitúase a área sanitaria de Santiago con 1.220. a de Pontevedra con 1.003, a de Ferrol con 809 casos, e a de Ourense con 728.

Deses casos que deron positivo, 247 están a ser tratados en unidades de hospitalización e 63 en Cuidados Intensivos, unha persoa menos que as comunicadas onte. O resto de pacientes permanece nos domicilios.

2 persoas falecidas con Covid-19

No que atinxe ás mortes provocadas polo coronavirus, Sanidade informa de dous novos falecemento, o que eleva o número de óbitos desde o comezo da pandemia a 2.538 persoas.

Con respecto ás persoas curadas, a cifra acada as 161.219 pacientes. Foron realizadas 2.699.366 PCR.

Desde a Consellaría, tamén dan conta da evolución do programa de vacinación contra a Covid-19, con 3.885.791 de doses administradas. Galiza achégase ao 71% do total da poboación coa pauta completa.

Nas residencias de maiores e de persoas con mobilidade funcional, o número de positivos está en 98 e 53 respectivamente, con cinco persoas menos ca onte por dar negativo nas PCR.