Na Galiza hai a día de hoxe 11.370 casos activos de Covid-19, o que supón o terceiro día consecutivo de aumento de positivos. Por áreas sanitarias, a da Coruña mantén o maior número, con 3.466, 1.235 na de Lugo, 758 na de Ourense, 1.105 na de Pontevedra, 2.796 na área de Vigo, 1.188 na de Santiago e 822 na de Ferrol.
Destes pacientes, 64 están sendo tratados en Unidades de Coidados Intensivos, 245 en unidades de hospitalización e 11.061 no domicilio, segundo informa hoxe a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade.
Desde o comezo da pandemia, curaron 160.169 persoas despois de padecer o coronavirus, con 2.536 persoas falecidas no territorio galego.
A Consellaría tamén informa de que foron realizadas até o de agora 2.694.223 de probas PCR.
Residencias de maiores
No que atinxe ás residencias de maiores, até 100 usuarias e usuarios deron positivo en Covid-19. Os casos concéntranse na residencia das Gándaras de Lugo, con 50 persoas con coronavirus, e na García Irmáns de Betanzos, con 28.
Nas residencias de Mobilidade Funcional, 57 persoas teñen Covid-19, a meirande parte delas, 48, no CAPD Redondela.
Con respecto aos certificados Covid-19, a Xunta da Galiza transmitiu este sábado que xa foron emitidos 1.650.438.
Rexistro de visitantes
Na comunicación, faise fincapé na necesidade de que “as persoas que visiten a Galiza nas vindeiras datas e procedan ou estiveran, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galiza”, están obrigadas a comunicar os seus datos ao Servizo Galego de Saúde (Sergas).
As vías para facelo son o teléfono 881 00 20 21 ou o formulario que se pode atopar na páxina web do Sergas.
Asemade, reitera que o teléfono 061 é só para “emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus”.