Un autobús, un coche e unha moto chocaron esta segunda feira en Poio (comarca de Pontevedra). Como resultado, foron trasladados ao hospital a condutora do turismo e da moto, mentres que, segundo informou o servizo de emerxencias 112-Galiza, todas as pasaxeiras do autobús saíron ilesas.
O 112 tivo constancia do sinistro un cuarto de hora antes das oito da mañá, a través dun particular que informou que se produciu a citada colisión no quilómetro 1,5 da PO-308, con dous posíbeis feridos.
O condutor do autobús tamén informou, á súa vez, do suceso, á vez que indicaba que os 50 pasaxeiros do bus atopábanse todos ben.
Desde o 112 pasouse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza 061, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio.
Despois de que o persoal sanitario chegara até o lugar, procedeu co traslado de dúas persoas até o hospital: a condutora do turismo e o motorista. Por outra banda, solicitouse a intervención do servizo de mantemento da vía ao haber restos do accidente esparexidos pola estrada.