Supostas imprudencias, non terrorismo

As dúas persoas detidas pola vaga de lumes terían queimado só 3 das 35.000 hectáreas ardidas

Paisaxe despois do lume de Moces (Melón) [Foto: Brais Lorenzo/Efe]

Terrorismo incendiario. Ese é o termo alcuñado pola Xunta de Feijóo para designar o fenómeno que tería arrasado en apenas 2 días 35.5000 hectáreas. As pesquisas policiais levadas a termo até agora resultaron na detención de dúas persoas. En conxunto, e sempre pretensamente, terían provocado o incendio de apenas 3 hectáreas. Dous lumes isolados e todo indica que produto de imprudencias, o que en puridade non permite falar de terrorismo.

A doutrina oficial do PP vai por un lado e as investigacións policiais polo outro. Aquela fala de "terrorismo incendiario" (esta terza feira a ministra de Agricultura xulgou "incendiario" como unha "palabra moito suave"), en tanto que estas apenas resultaron até o de agora na detención de dúas persoas pretensamente responsábeis da queima de tres hectáreas, unha cantidade ínfima a respeito das 35.500 que arderon na fin de semana máis negra dos lumes na historia recente da Galiza.

 

Fontes da Vicepresidencia da Xunta confirmaron a Europa Press a detención por parte da Policía Autonómica dunha muller de 74 anos á que se considera responsábel dun incendio na parroquia de Petelos, en Mos. Nese lume terían ardido dúas hectáreas. Esta persoa estaría a ser investigada tamén por fogos producidos en datas anteriores a esta vaga.

 

É a segunda detención pretensamente relacionada con esta onda de incendios, após a dun home de 55 anos, veciño de Vigo, detido pola Garda Civil sob o cargo de ter provocado un fogo dunha hectárea por unha imprudencia nunha súa finca en Os Blancos.

 

O perfil destas persoas non encaixa en absoluto co de terroristas incendiarios, pois de acordo cos indicios disponíbeis en ningún caso tentaron sementar o terror coas súas accións, que en todo caso serían produto do descoido.

 

No caso do home de 55 anos dáse a circunstancia de que é un coñecido activista do ambientalismo galego, Miguel Ángel Martínez Novoa, o que ten levado a distintas organizacións ecoloxistas do país a asinaren un comunicado conxunto en solidariedade con el.

 

"Non sabemos o que aconteceu neste caso, mais non acreditamos que Miguel sexa un delincuente, e menos aínda un perigo potencial para ter que privalo de liberdade. E non só polo seu compromiso de sempre coa defensa da natureza. Segundo se nos informou desde persoas próximas, unha vez apagado o lume cuxo alcance limitouse a menos de unha hectárea (fronte ás 35.000 ardidas eses días) e en cuxa extinción empeñouse persoalmente: Miguel foi ao cuartel da Garda Civil na mesma localidade ourensá para dicir o que pasara, e deixou os seus datos persoais e de residencia en Vigo", indican as organizacións ecoloxistas neste comunicado que se pode ler na web de Adega.

 

Denuncian que se manteña en prisión incondicional -após receber atención sanitaria- e fan votos para que "en xustiza" non se converta Miguel "nun chibo expiatorio desta catástrofe ecolóxica, para desviar a atención criminalizando o movemento ecoloxista e así eximir das súas responsabilidades a quen ten as competencias sobre as políticas forestais, agrarias e de xestión do territorio.