Dúas crianzas refuxiadas poderían ser acollidas na Coruña

Mudafar e Ahmed

Trátase de Mudafar e Ahmed, dous nenos iraquís que padecen unha doenza hepática. 

Após unha campaña de recollida de apoios através da rede e da colaboración do Concello da Coruña que se propuxo como localidade acolledora, Mudafar e Ahmed, dúas crianzas iraquiana solicitantes de asilo en Grecia atinxidas por unha doenza hepática, poderán recibir tratamento médico no Estado español e, quizais, ser reubicadas na Coruña. 

Así o confirmaba na sexta feira (5 de agosto) a ONG AIRE (Asociación Integral de Resgate de Emerxencias) através da súa conta na rede social Facebook. Tras perto de 200 mil apoios en Change.org e a intervención do goberno municipal coruñés o goberno español acceder a lles conceder asilo e serán trasladadas ao Estado español, como lle notificou xa á familia o executivo grego. 

"Se Mudafar e Ahmed non reciben tratamento axiña, morrerán", advertía o persoal médico

Mudafar e Ahmed teñen 8 e 10 anos, e virán acompañados pola súa familia desde o campo para persoas refuxiadas de Katsikas, en Grecia. Ambos os dous sofren unha hepatoparía crónica con cirrose avanzada, segundo o informe médico elaborado polo persoal voluntario de AIRE e Médicos do Mundo que advertían do risco que supuña para as súas vidas non recibir a atención sanitaria que precisan. "Se Mudafar e Ahmed non reciben tratamento axiña, morrerán", aseguraban sinalando as condicións precarias nas que se atopan no campo. 

Finalmente serán atendidos. De chagaren a Galiza tornaríanse na terceira familia refuxiada que recibe acollemento no país após a chegada de dúas familias sirias --conformadas por 11 persoas-- á vila de Sarria

 

Fe de grallas. Mudafar e Ahmed serán trasladados xunto coa súa familia ao Estado español. Fica pendente por determinar cal será a localidade na que serán reasentados. Por erro, sinalamos que sería A Coruña, porén, esta información non foi aínda confirmada, polo que editamos a nova ás 16:52h.