Chegan as primeiras familias refuxiadas a Galiza

[Imaxe de arquivo / Cruz Vermella]

Foron reasentadas en Sarria procedentes do Líbano mais son naturais de Siria. 

Esta terza feira (26 de xullo) por volta das 22 horas chegaron a Sarria as primeiras familias, dúas, refuxiadas. Proceden de campamentos do Líbano mais son naturais de Siria. 

As vivendas que ocupan foron cedidas por Caixa Rural Galega ao Instituto de Vivenda da Xunta. A Cruz Vermella, organización non gobernamental encargada do Plan de atención para persoas refuxiadas, prestaralles apoio durante os vindeiros meses (entre 18 e 24) co obxectivo de pular pola súa integración. 

Cruz Vermella prestará atención através do seu programa de intervención ás familias acollidas 

No concreto, trátase de dúas familias emparentadas entre elas e con sete crianzas. As primeiras en ser reasentadas na Galiza dun grupo total de 155 persoas recibidas polo Estado español desde o Líbano. Até o momento, España reubicou 470 de máis de 17 mil persoas que se comprometeu a acoller no marco dos acordos adoptados pola Unión Europea. 

Ao longo dos primeiros seis meses a Cruz Vermella desenvolverá un labor dirixido á aprendizaxe da lingua española e fornecerá de apoio legal e psicolóxico ás familias, segundo explicou en conversa con Sermos Galiza, Carmen Isasi, responsábel de Integración da Cruz Vermella na Galiza. A partir de aí procurarán mellorar a empregabilidade das persoas adultas "para que poidan acceder ao mercado laboral". Un proceso, dixo Isasi, de "acompañamento" que inclúe tamén o "reforzo escolar" das crianzas. 

España reubicou 470 de máis de 17 mil persoas que se comprometeu a acoller

Fontes do goberno local consultadas por este medio aseguraron que descoñecían os detalles da chegada até apenas unhas horas antes de se producir e que "non contaron con nós" para a levar a cabo. Cumpre lembrar que o programa está dirixido polo executivo español através do Ministerio de Traballo e Seguridade Social. Así as cousas, aseguran que se porán en contacto coa Cruz Vermella na localidade para lles amosar a súa disponibilidade e mesmo ofrecer a posibilidade de que as crianzas, "se así o consideran oportuno e os psicólogos o recomendan", se poidan incorporar aos "obradoiros de conciliación" municipais que inclúen actividades deportivas. 

Solidariedade popular

Desde Cruz Vermella lanzan un chamamento á poboación para "manter" a solidariedade popular que se viu amosando nos últimos meses ao fío da crise de persoas refuxiadas pois "a longo prazo" constitúe un "reto" pular pola "integración" das familias acollidas "na escola e na súa vida diaria". Así, instan a facer "pequenos xestos" que faciliten a súa inclusión. 

Cruz Vermella duplicou a súa atención entre 2014 e 2015 

Para alén destas familias, algúns medios de comunicación informan da chegada no mes de agosto de máis persoas refuxiadas ao noso país, porén desde Cruz Vermella sinalan que "polo de agora non temos data" nen confirmación de que isto vaia acontecer. Ora ben, acrecenta Carmen Isasi, "temos prazas preparadas para acoller máis". Concretamente, máis de 30 na Galiza e 965 no conxunto do Estado español. 

Entre 2015 e o que vai de 2016 a Cruz Vermella española atendeu 10.500 persoas refuxiadas o que supuxo "duplicar a atención" a respeito do 2014 cando interviñeron para apoiar "máis de 5 mil persoas". Así as cousas, lembran que a maior parte de persoas desprazadas, por volta de 6 millóns, na Siria producíronse através de deslocamentos no interior do propio país onde son atendidas pola Media Lúa siria.