As dúas beiras do Miño opuxéronse á rede de alta tensión en Arbo

Veciñanza de Galiza e Portugal manifestouse o domingo contra a construción dunha liña de alta tensión que prevén situar a 20 metros das vivendas.

  Veciñ@s das localidades de As Neves, Salvaterra, Melgaço e Monçao manifestáronse na tarde do domingo (27 de abril) contra liña de alta tensión que unirá a localidade de Fontefría (Ourense) con Portugal. Un proxecto desenvolvido por Red Eléctrica española que quer crear unha nova interconexión entre ambas as dúas marxes do Miño cunha potencia de 400 kilovoltios. Segundo o proxecto, a liña de alta tensión situaríase nalgúns dos tramos mesmo a 30 metros das vivendas.

“É unha barbarie que nos impoñen desde o Ministerio de Industria e Enerxía, trátase da segunda interconexión que se realiza, cunha línea dobre de 40 quilómetros”, explicou Agapito Valado vogal da asociación de afectad@s pola liña de alta tensión.

Nesta loita, que se prolonga desde o ano 2013, a veciñanza denuncia o que coidan é un "delito ecolóxico e medioambiental" contra as súas terras e moradas pois, din, " traerá unha chea de problemas de saúde e, tamén, económicos aos veciños, tanto de Monçao como de Arbo". Neste senso, exixen a modificación do trazado da nova liña.

Propoñen soterrar a liña e mudar o trazado

“Os responsables deste macroproxecto non estiveron no terreo…fixeron o trazado dende Madrid e dende Lisboa sen ter en conta as consecuencias do mesmo para a súde das personas”, indicou Xabier Simón, alcalde de Arbo, ao tempo que propuxo unha alternativa que pasa por soterrar unha parte do tendido "e que se faga un novo trazado que impida que a liña de alta tensión pendure sobre as nosas cabezas".

O rexeitamento social a este proxecto reside nos prexuízos que suporá para a saúde das persoas. Segundo diversos estudos europeos os campos electromagnéticos creados polas liñas de alta tensión deveñen, co tempo, en mutacións no ADN provocando enfermidades como a leucemia, infertilidade, trastornos do sono ou mesmo malformacións.

A manifestación partiu do concello de Melgaço e a rotonda de Arbo até chegar á ponte internacional de Tui, símbolo das dúas beiras do Miño. A Plataforma veciñal conta co apoio dos concellos da comarca embora non tomaren parte ningún responsábel político do PP ou PSOE da mobilización. Quen si se achegou para apoiar as demandas d@s veciñ@s foron as candidatas ás eleccións europeas Ana Miranda (BNG) e Marisa Matias (Bloco de Esquerda).