Rexistrados dous novos terremotos en Covelo e O Carballiño

Sismo rexistrado en Covelo esta sexta feira (Ilustración: Instituto Xeográfico Nacional).
Máis dunha trintena de sismos en Covelo nas últimas datas.

Os municipios de Covelo e O Carballiño rexistraron dous pequenos terremotos esta sexta feira, 28 de xaneiro, logo de que na quinta feira a metade occidental do país se vise sacudida por un tremor de 4,6 graos localizado no Atlántico.

O tremor producido ao noroeste do Carballiño tivo lugar ás 5.24 horas da madrugada, cunha magnitude de 1,6 graos e unha profundidade de 13 quilómetros.

Pola súa parte, en Covelo, que xa rexistrara varios terremotos nas últimas semanas, tivo lugar un tremor de 2,4 graos ás 15,21 horas. Produciuse a 22 quilómetros de profundidade.

O maior sismo en 25 anos

Cómpre lembrar que o terremoto producido no océano Atlántico foi o maior que sacodeu o país desde 1997, cando o tremor de Triacastela rexistrou 5,1 graos de magnitude.

Nunha entrevista concedida a Nós Diario, o delegado do Colexio de Xeólogos na Galiza, Pablo Núñez, apuntaba que "cumpría revisar as zonas sísmicas para asegurar que non teñen actividade superior ao que pensamos".

"Cómpre, así mesmo, non deixar de investigar nin de implantar as determinadas medidas construtivas para garantir a integridade das infraestruturas, xa que na meirande parte das ocasións este é o principal motivo de que haxa máis ou menos vítimas. Temos o caso de Xapón, onde un terremoto non ten o mesmo impacto que en Filipinas", matizara daquela o experto.