Catro sismos, un de magnitude 4,6, sacoden a costa galega e fanse sentir en Compostela, Vigo ou Ribeira

Lugar onde se rexistrou o sismo (Foto: Instituto Xeográfico Nacional).
Súmanse aos tremores rexistrados nas últimas datas no Condado e A Paradanta. 

Un terremoto de magnitude 4,6 rexistrado no Atlántico fronte ás costas da Galiza na tarde desta cuarta feira sentiuse en municipios como a propia capital do país.

Segundo a información actualizada polo Instituto Xeográfico Nacional (IXN), este tremor sucedeu contra as 15.44 horas con hipocentro a tres quilómetros de profundidade. En varias localidades galegas, como Compostela, a veciñanza sentiu este sismo, que fixo vibrar mesmo o mobiliario das vivendas.

Previamente, ás 14.57 horas desta mesma cuarta feira, rexistrouse outro terremoto de magnitude 3,7 no océano Atlántico fronte á costa do país. E ás 16 horas producíronse outros dous tremores en Ribeira (1,9 graos) e ooutro tamén no Atlántico (2,5), até facer un total de catro en pouco máis dunha hora.

Fontes do 112 sinalaron á axencia Europa Press que o servizo de emerxencias recibiu chamadas de veciños e veciñas de municipios costeiros como Porto do Son, Ribeira ou Vigo, así como outros do interior como Ames, A Laracha ou a capital.

Estes dous tremores súmanse ao enxame de tremores que padeceron nas últimas datas as comarcas do Condado e A Paradanta.

Sen risco de tsunami

O director da Rede Sísmica Nacional, Juan Vicente Cantavella, explicou que o tremor de 4,6 foi o "maior" do que se ten constancia nesa zona do Atlántico. En declaracións á Radio Galega, afirmou que esta intensidade non causa danos ao producirse no mar.

Igualmente, para que se produzan tsunamis é preciso que os sismos superen no mar os 6 ou 6,5 graos de magnitude.

Revisar as zonas sísmicas

Nunha entrevista concedida a Nós Diario, o delegado do Colexio de Xeólogos na Galiza, Pablo Núñez, apuntaba que "cumpría revisar as zonas sísmicas para asegurar que non teñen actividade superior ao que pensamos".

"Cómpre, así mesmo, non deixar de investigar nin de implantar as determinadas medidas construtivas para garantir a integridade das infraestruturas, xa que na meirande parte das ocasións este é o principal motivo de que haxa máis ou menos vítimas. Temos o caso de Xapón, onde un terremoto non ten o mesmo impacto que en Filipinas", matizara daquela o experto.