Dous menores perden a vida nun accidente de tráfico en Marín

Emerxencia 112 Galiza (Foto: 112).
Unha muller permanece en estado grave.

Dous menores, de 16 e 17 anos, faleceron e dúas persoas resultaron feridas tras unha colisión entre dous vehículos na estrada PO-313, no municipio de Marín.

Segundo informou o 112, foron varias persoas que alertaron, sobre as 21,30 horas da pasada sexta feira, dun grave accidente na zona de Coirados.

O Concello indicou que un dos turismos, un Golf, que subía a estrada, perdeu o control e o outro coche que baixaba non puido esquivalo.

Os dous mozos que perderon a vida viaxaban no asento de atrás do Golf e o condutor, un home de 20 anos que deu negativo no control de alcol e drogas, non resultou ferido, mentres que a súa compañeira, que viaxaba no asento do copiloto, está en estado grave.

Até o lugar acudiron as profesións de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, pouco despois, confirmaron o falecemento de dous menores que viaxaban no mesmo turismo e o traslado de dúas persoas ao centro hospitalario de referencia.

A central de emerxencias tamén informou o sinistro aos Bombeiros do Morrazo, aos axentes da Policía Nacional e Local, aos membros de Protección Civil de Cangas e ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (Gipce).

O Concello de Marín, a través dun comunicado, trasladou o pésame ás familias e seres queridos dos dous mozos falecidos no suceso.