Dous incendios en Bolo (Valdeorras) e Vigo calcinan habitacións en vivendas

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press)
O 112 Galiza actuou nos incendios en Bolo (Valdeorras) e Vigo, que calcinaron parte de cadansúas vivendas en cada unha das dúas localidades.

Un incendio declarado nunha vivenda da localidade do Bolo (Valdeorras) calcinou unha habitación do domicilio, situado no lugar de Santa Cruz.

Segundo trasladou o 112 Galiza, o incendio produciuse sobre as 23.30 horas da sexta feira. Nese momento, un particular alertaba á central de emerxencias do fogo que, finalmente, calcinou varios móbeis no interior da casa e afectou á instalación eléctrica, sen que se rexistrasen danos persoais.

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Galiza mobilizaron ante este suceso aos Bombeiros de Valdeorras, ao GES da Veiga, á Garda Civil, a Protección Civil e, como medida preventiva, aos servizos sanitarios.

Incendio en Vigo

Por outra parte, o 112 Galiza tamén tivo coñecemento doutro incendio nunha casa da parroquia de Oia, en Vigo. En concreto, no Camiño de Outeiro.

O incendio produciuse uns minutos antes das 7 horas deste sábado. A esa hora, o 112 Galiza recibiu o aviso dos feitos a través dunha persoa particular que aseguraba ver chamas nun domicilio.

Finalmente, unha habitación quedou calcinada e ninguén resultou ferido xa que no momento no que se orixinou o fogo non había ninguén no interior da vivenda.

Até o lugar dos feitos desprazáronse os Bombeiros de Vigo, axentes da Policía Local, da Policía Estatal e, por precaución, os servizos sanitarios.