Dous artigos publicados en Nós Diario, entre os tres finalistas do Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

Imaxe do xurado.

Son ‘Dalias’, de Miriam Ferradáns e ‘Un Deserto’, de Cláudia Morán. O terceiro finalista é ‘Historia de como Avó Antonio subiu ao ceo’, de Patricia Hermida e publicado en ‘El Correo Gallego’.

Tres artigos de tres mulleres son os finalistas do XVIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. Afundación, a Obra Social de Abanca, deu a coñecer esta cuarta feira os artigos finalistas. Tras a deliberación do xurado, integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Cristina Pato, fíxose pública a resolución das persoas finalistas desta edición.

Miriam Ferradáns, polo seu artigo Dalias, publicado o 10 de novembro de 2020 en Nós Diario; Patricia Hermida, por Historia de como Avó Antonio subiu ao ceo, publicado o 5 de maio de 2020 en El Correo Gallego; e Cláudia Morán por Un deserto, aparecido o 18 de novembro de 2020 en Nós Diario.

Na rolda de prensa, Pedro Otero, director xerente de Afundación, subliñou “tanto a ardua tarefa de selección por parte do xurado, dada a calidade dos textos presentados, como o papel esencial que o xornalismo desempeña e que, en momentos tan extraordinarios, tan complexos como o actual, require grandes esforzos e se nos revela imprescindíbel”.

Víctor Freixanes, pola súa banda, quixo “destacar a calidade, precisión e esmero de todos os traballos presentados. Unha convocatoria deste tipo sempre ten algo de crónica e tentamos premiar aqueles traballos atemporais, pezas literarias que perduren no tempo e sirvan de referencia. Estas tres pezas reflicten tres aspectos desa crónica que está presente agora mesmo nos medios. Por unha banda, a temática do coronavirus, que fai que os nosos avós desaparezan e moitas veces non poidamos nin despedirnos deles; por outra banda, unha recreación do mundo que se perde e da Galiza que vai perdendo poboación e se transforma; e finalmente, o tema do Sahara, narrando o abraio dos rapaces cando pasan aquí as vacacións e logo a traxedia de non poder volver cando xa son maiores. Detrás desa despedida sempre hai un desgarro que evidencia a situación de inxustiza das poboacións do Sahara”.

Un total de 29 artigos optaban á XVIII edición do Premio Fernández del Riego. Podían presentarse artigos incluídos no xénero do xornalismo literario ou ben no xénero de artigo de opinión, coa única condición de que só se presentase un texto por autor que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas e escrito en lingua galega.

O premio está dotado con 10 000 euros. Entre os gañadores podemos sinalar nomes tan importantes como Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, Inma López Silva ou Cristina Pato, gañadora da última edición.