Dous anos de prisión por guindar lastras nunha protesta en Vigo contra un mitin de Vox

(Foto: Europa Press)

O mozo acusado de atentado contra a autoridade e de lesións por lanzar lastras a axentes da Policía española no marco dunha protesta durante un mitin de Vox en Vigo aceptou a pena de 2 anos de prisión e pagar unha multa de 240 euros. Así se pactou entre as partes esta cuarta feira, de modo que non foi necesario realizar o xuízo que estaba previsto na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

O acusado, Rubén R.P., recoñeceu os feitos e aceptou a pena imposta, após aplicárselle as circunstancias atenuantes de adicción (no momento dos feitos atopábase baixo os efectos de sustancias que minguaban parcialmente a súa capacidade volitiva) e de reparación do dano (o mozo xa consignou parte das indemnizacións aos axentes lesionados).

Así mesmo, o tribunal determinou a suspensión de pena de prisión por un período de 3 anos, coa condición de que o procesado non delinca neste tempo e de que pague, antes do 30 de xuño, o que lle resta da responsabilidade civil, uns 148 euros.

Os feitos sobre os que se ditou sentenza e que o acusado recoñeceu ocorreron o 24 de outubro de 2019, cando o Auditorio Mar de Vigo acollía un mitin de Vox, con presenza de Santiago Abascal e como acto de precampaña das eleccións xerais de novembro dese ano.

Nos exteriores do recinto produciuse unha concentración dunhas 300 persoas, na que este mozo participou e, nun momento determinado, cando os axentes de Policía ordenaron dispersarse á xente, iniciouse un enfrontamento con lanzamento de valos e pedras.

Inicialmente, a Fiscalía pedía para Rubén R.P. a pena de catro anos e medio de prisión, e o pago de 1.800 euros de multa. Finalmente, a condena rebaixouse ao aplicárselle as circunstancias atenuantes.