Dous anos despois Renfe recupera as liñas suspendidas na pandemia en Ferrol-A Coruña e Ourense-O Carballiño

Trens parados na estación de Santiago de Compostela (Foto: César Arxina / Europa Press)

Dous anos despois da chegada da Covid-19, o panorama ferroviario galego aínda vai agora camiño de recuperar a situación previa á declaración do primeiro estado de alarma, coa restitución de servizos que foran suspendidos polas restricións sanitarias.

Renfe recupera a partir do 11 de decembro, e dous anos despois, a totalidade dos servizos que ofrecía antes da pandemia nas liñas de tren entre Ferrol e A Coruña e entre Ourense e O Carballiño, que forma parte da conexión de Ourense con Santiago de Compostela.

Nun comunicado, a operadora ferroviaria informou que a recuperación destes servizos modificará algúns dos horarios da liña Ourense-O Carballiño-Santiago "para cubrir máis franxas horarias".

Así, o 11 de decembro comezará a circular cada día un servizo máis (na actualidade son só dous) entre as localidades da Coruña e Ferrol, en ambos os sentidos. Tamén se recupera o tren Ferrol-Betanzos, suspendido desde a pandemia.

Pola súa banda, na liña Ourense-O Carballiño-Santiago serán tres trens por sentido, á vez que se modifican os horarios "para adaptalos ás necesidades de mobilidade e cubrir máis franxas horarias de desprazamento".

No comunicado, Renfe asegura que a oferta de trens aínda non está restablecida completamente respecto da que había antes do primeiro estado de alarma declarado en marzo de 2020 e que a súa "vontade" é "completar a reposición destes servizos nos próximos meses, a medida que se vaia incorporando o novo persoal de condución".

O tren de proximidade, tarefa pendente na Galiza

A restitución das liñas suspendidas pola Covid-19 chega despois de que a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, rexeitara indicar a data exacta na que o servizo ferroviario galego sexa completamente restituído. A suspensión de liñas e a falta de horarios agrava a situación de colapso do sistema de trens galegos.

Ante esta situación, o Parlamento galego acordou por unanimidade o pasado mes de novembro demandar ao Goberno do Estado un tren de proximidade para Galiza no 2023. A proposta, presentada polo Bloque Nacionalista Galego, solicitaba ademais a mellora dos servizos ferroviarios no país, nun momento no que o sistema de encontra colapsado. As plataformas de usuarias e usuarios galegos levan meses a demandar a modificación dos horarios e o reforzo das liñas.