19 de Meirás segue agardando polo xuízo

Dous anos da irrupción da memoria galega no Pazo de Meirás

Van xa dous anos da ocupación do Pazo

Tal día como hoxe un grupo de nacionalistas e demócratas entraba no Pazo de Meirás para esixir a devolución ao pobo de todo o patrimonio espoliado por Franco e que aínda continúa en mans da familia do sanguinario ditador. Era 30 de agosto de 2017 e esta acción de protesta costou a 19 nacionalistas unha denuncia por parte da familia Franco que aínda está pendente de xuízo e pola que se lles pide 13 anos de cadea e máis de 500.000 euros de multa.

30 de agosto de 2017, unha das torres do Pazo de Meirás e a balconada lucían dúas grandes faixas con bandeiras da Patria Galega e lemas en prol da devolución do singular edificio ao pobo. “Franquismo nunca máis” pronunciaban aquelas persoas que levaron hai dous anos as esixencias de dignidade e memoria histórica galegas á residencia de verán do ditador Francisco Franco e que a día de hoxe segue a desfrutar a súa familia.

Un grupo de persoas accedía hai dous anos ao interior do pazo para levar adiante unha ocupación simbólica do mesmo e reclamar que se devolvese ao pobo “para pór fin a oitenta anos desta ignominia”, segundo explicaba desde o interior Néstor Rego, membro da Executiva Nacional do BNG e que despois exercería como portavoz dos 19 de Meirás, o colectivo de persoas denunciadas pola familia do ditador.  

“Franquismo nunca máis” pronunciaban aquelas persoas que levaron hai dous anos as esixencias da memoria histórica galega á residencia do ditador

“Somos galegas e galegos, nacionalistas e demócratas e estamos aquí porque entendemos que as institucións públicas teñen que actuar”, proclamaba Rego antes de explicar que decidiran saltar o valado porque levaban quince días chamando para anotarse á visita dese 30 de agosto sen ter resposta algunha. Precisamente, Sermos Galiza volveu informar a semana pasada do incumprimento da lei que regula os Bens de Interese Cultural xa que a familia mantivo tamén durante o mes de agosto de 2019 o pazo pechado ás visitas.

“Imos estar aquí até que poidamos”, comentaba Néstor Rego hai dous anos a Sermos Galiza desde o interior do pazo. “Vimos un coche da Garda Civil, pero por aquí nin parece que haxa visitas nin ninguén máis”. Rego denunciaba tamén “a continuidade entre o réxime franquista e o actual” simbolizada nunha fotografía de Franco dándolle a man a Felipe de Borbón en 1975 nese mesmo pazo.

Días máis tarde, 19 persoas foron denunciadas pola pretensa comisión de catro delitos durante a acción simbólica desenvolvida a 30 de agosto de 2017 no pazo. As persoas demandas foron coñecidas como as 19 de Meirás, símbolo do paradoxo de que as e os descendentes do espoliador continúen a desfrutar dos bens roubados ao pobo e sexa a sociedade que protesta quen recibe as sancións.

Entre estas persoas denunciadas figuran membros da executiva nacional como Bieito LobeiraRubén Cela e o propio Néstor Rego, así como o ex secretario xeral da CIG, Suso Seixo.

A denuncia foi apresentada no xulgado de Betanzos pola suposta comisión de catro delitos que, en caso de seren apreciados como tal polo  tribunal, implicarían penas de 13 anos de prisión para cada unha das 19 persoas.

Os delitos que a familia Franco atribúe ás persoas demandadas son Violación de Morada, coa agravante de violencia ou intimidación, castigado no Código Penal con prisión de 1 a 4 anos; Delito contra a Honra, de 6 meses a 2 anos con multa de 12 a 24 meses; Danos, na modalidade agravada, penas de 1 a 3 anos de prisión e multa de 12 a 24 meses; e Delito de Odio, de 1 a 4 anos e multa de 6 a 12 meses.

O pasado 11 de xullo de 2019 coñecíase que o goberno central atendía finalmente a mobilización social, das entidades en defensa da memoria histórica galega e dos partidos da oposición e que apresentaba unha demanda nos Xulgados da Coruña para recuperar a propiedade pública do Pazo de Meirás. BNG En Marea aplaudiron a decisión e comprometéronse a vixiar os pasos do Executivo. Apenas seis días após, o Consello da Xunta aprobou dar autorización aos servizos xurídicos do goberno galego a comparecer como parte do proceso civil iniciado pola administración xeral do Estado no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña conducente á recuperación para o patrimonio público do Pazo de Meirás. A Xunta ten como unha das súas obrigacións a salvagarda do patrimonio cultural galego.

As 19 de Meirás continúan agardando polo xuízo.