DomusVi, a xestora de residencias públicas con máis defuncións e cuxas deficiencias coñecía a Xunta desde 2017

Alberto Núñez Feixoo entregando a Josefina Fernández, conselleira delegada de DomusVi, un premio no Círculo de Empresarios da Galiza (Foto: Circulo.gal).
DomusVi xestiona unha de cada catro prazas de titularidade pública; porén, nos seus centros rexistráronse a metade das mortes nas residencias da Xunta. A Federación REDE denuncia a "conivencia" entre a Administración e a multinacional, cuxas deficiencias na atención ás usuarias eran coñecidas polo Goberno desde 2017.

A Xunta da Galiza vén de facer públicos os datos de persoas falecidas nas residencias públicas durante a pandemia. Do total de 790 pasamentos rexistrados entre os centros de maiores e de atención á diversidade —segundo a Consellaría de Política Social—, apenas 80 corresponden aos de titularidade pública galega —excluíndose deste cómputo os rexentados polos concellos e as deputacións e as de réxime privado—.

Cómpre lembrar que, das máis de 22.000 prazas dispoñíbeis na Galiza, só 3.900 son públicas, e non todas están xestionadas polo Goberno galego: unha cuarta parte delas opéraas a sociedade DomusVi, que, segundo os datos agora revelados, rexistrou a metade das mortes totais nos seus centros —40—, cunha taxa de mortalidade que duplica o das residencias xestionadas directamente pola Xunta.

Destes datos, así mesmo, pódese concluír que non se produciu ningunha morte en 34 dos 48 centros de titularidade autonómica —con ou sen concerto con entidades privadas—.

"O coñecemento público parcial, das cifras de persoas maiores mortas segregadas por residencias, despois de moitas obstrucións e cambadelas durante meses, fala das debilidades da democracia na Galiza, e pon ao descuberto como Administración e dirección de empresas xestoras, en clara conivencia, manipulan e ocultan a realidade e poñen atrancos á transparencia, á información sen adulteracións que temos dereito a recibir os cidadáns e por suposto teñen dereito a recibir as familias e usuarias das residencias, e por riba de todos e todas as familias das vítimas", valora, en conversa con Nós Diario, o presidente da Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE), Paulino Campos.

O portavoz de REDE salienta a "alianza de intereses públicoprivados en contra dos dereitos dos cidadáns" subscrita entre o Goberno galego e a "empresa bandeira" do sector, cando o 30 de marzo de 2020 "determinaron a desaparición definitiva da información que recibiamos a diario sobre o número de falecidos e contaxios en cada unha das 262 residencias do país [hoxe 269]".

"No ánimo do Goberno estaba agochar un número de falecidos en xeriátricos cun incremento progresivo que comezaba a pór en cuestión a xestión da Xunta e, en concreto, tamén a de DomusVi. Foi cando tamén saltaron aos medios as fotografías de momentos exultantes compartidos por Alberto Núñez Feixoo e Josefina Fernández, a raíña das residencias de persoas maiores no Estado, conselleira delegada desta empresa multinacional propiedade de fondos de investimento británicos e franceses e con presenza destacada en paraísos fiscais", engade Paulino Campos.

A Xunta coñecía as deficiencias de DomusVi desde 2017

Tal e como xa adiantara este xornal o pasado ano, a Xunta da Galiza tivo constancia desde 2017 das graves deficiencias nos centros rexentados por DomusVi e Fundación San Rosendo, como puxo de manifesto o informe do Consello de Contas daquel ano.

De feito, as carencias en persoal e medios para facer fronte á pandemia levaron o Goberno a intervir durante o primeiro estado de alarma as residencias de DomusVi no Barreiro (Vigo) e Aldán (Cangas), con máis de 200 contaxios e perto dun cento de mortes entre ambos os dous centros naquela altura.

Trece días antes, REDE fixera un chamamento "case desesperado" para que se interviñesen todas as residencias do país, "ou se instituíse un sistema de control eficiente para evitar ou minguar a expansión fulminante da Covid-19, propagación en moitos casos determinada polas malas praxes das direccións dos xeriátricos", destaca.

Sete causas abertas por homicidio e lesións graves

Nos xulgados galegos hai actualmente sete procedementos abertos, co respaldo de REDE, contra DomusVi, Josefina Fernández e varios cargos da Xunta, todos eles por presuntos delitos de homicidio por imprudencia ou lesións graves.

Tamén hai unha denuncia presentada contra a conselleira delegada da sociedade por un suposto delito de evasión ou elusión fiscal, e hai outras causas pendentes contra directoras de residencias galegas de DomusVi por presuntas agresións a anciáns residentes e homicidios con imprudencia, entre outros delitos penais, explican desde o colectivo en defensa das e dos usuarios.

"REDE solicitou, e ségueo facendo, a anulación ou suspensión da licenza de actividade de prestación de servizos sociais a DomusVi e as cinco sociedades coas que opera na Galiza", conclúe Paulino Campos.

"Feixoo entregou as residencias en 2009"

Paulino Campos lamenta que, desde a chegada de Alberto Núñez Feixoo á presidencia da Xunta da Galiza en 2009, a Administración "desapareceu da asistencia residencial e entregou o servizo plenamente ás empresas privadas  e de iniciativa social filocatólicas do sector".