“DomusVi non acata as medidas da Xunta”, denuncia a Federación REDE

Imaxe de arquivo da DomusVi de Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A empresa, o maior operador de residencias privadas na Galiza, transmíteles ás familias das persoas usuarias que non está disposta a favorecer as tres visitas semanais ás residencias. Denúnciao a Asociación REDE.

DomusVi volta a ser noticia. A Asociación Galega de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia, REDE, denunciou esta sexta feira que a empresa “non está disposta a favorecer as tres visitas semanais ás residencias”.

“O emporio multinacional négase a adaptar persoal, instalación e horarios só unhas horas despois da entrada en vigor da ampliación de visitas”, advirte a asociación, molesta coa restrición das visitas.

DomusVi, segundo REDE, transmitiu ás familias que “teñen que adaptarse ás normas de índole interna, aínda que estas vulneren as disposicións da Xunta e os dereitos dos maiores e dos cidadáns”.

Neste contexto, esixe “man dura” ás consellaría de Sanidade e de Política Social contra “a grave e reiterada vulneración das normativas e dos protocolos”.

A Xunta permite un máximo de tres visitas á semana

“Temos que ir de unha en unha porque DomusVi di que non ten capacidade dispoñíbel”, afirma o fillo dunha residente de DomusVi O Barreiro, “seguen a actuar cunha caradura impoñente”, engade outro familiar.

A resolución afirma que as visitas serán de “até un máximo de tres á semana”, por iso os familiares denuncian que o feito de non posibilitar as tres visitas é “unha decisión unilateral” de DomusVi, cuxa conselleira delegada foi vacinada polo Sergas.

A asociación lembra a importancia das visitas nas residencias e advirte de que inciden na calidade de vida das usuarias e usuarios, que, dado o confinamento continuado desde marzo de 2020, presentan un “progresivo e alarmante deterioramento”.