DomusVi defende as súas medidas contra a Covid-19 malia os efectos nas residencias da Galiza

O cartel de Domusvi na residencia de Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A directora asistencial da compañía, Fini Pérez Martínez, practicamente obviou hoxe nunhas declaracións a situación dos centros no país. Destacou que no Estado español o 90% non teñen casos de coronavirus.

A empresa Domusvi está a ser unha das protagonistas da pandemia na Galiza. Os contaxios nas súas instalacións repartidas por todo o país xa se contan por ducias pero malia esa situación a compañía prefire destacar as supostas bondades das súas medidas de prevención contra o virus. Mais a multinacional só fala das supostas melloras ante esta segunda vaga do virus.

 

Na residencia DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, aínda hai 130 casos activos da Covid-19 entre as e os usuarios. Hai outras 20 persoas do cadro de persoal que continúan enfermas.

 

Ademais, hai afectados nas infraestruturas de A Coruña (Oleiros); Barra de Miño (Coles) e Ribadumia. Algunhas curacións ou falecementos permitiron nas últimas semanas que saíran da listaxe da Consellaría de Política Social outras cifras.

 

No entanto, a afección aos xeriátricos da cadea está a quedar moi clara no medio do virus. Neste tempo mesmo houbo denuncias de outro tipo como polo mal estado da comida, a falta de persoal nas residencias, a desatención ás e aos residentes... Unha longa enumeración de queixas contra DomusVi.

 

Facendo ouvidos xordos a estas circunstancias, esta terza feira a directora asistencial de DomusVi, Fini Pérez Martínez, limitouse a defender que o 90% das instalacións que posúen no Estado español non teñen comunicación de ningunha infectada. A responsábel foi máis aló ao defender as medidas que se puxeron en marcha no lapso de tempo entre a primeira e a segunda onda do coronavirus.

 

Pérez incidiu, nun encontro virtual cos medios, en que no caso dos falecementos, tratábase de “perfís pluripatolóxicos”. Así mesmo, pareceu restarlle importancia a casos como o de Lugo ao destacar que o 6% dos centros con doentes “teñen menos de dez e a cifra máis habitual é entre dous e catro afectados”.

 

Isto débese, comentou, á realización de máis PCR, á creación dunha unidade de convivencia diferenciada e ao reforzo dos protocolos de hixiene e seguridade.