Dolores Puga: “Hai que deixar de cuestionarse como reverter o avellentamento e empezar a preguntar se estamos preparados para vivir con el”

Dolores Puga

Dolores Puga é Científica Titular do Consello Superior de Investigacións Científicas. A súa actividade investigadora desenvolveuse no ámbito da Demografía do Envellecemento, centrándose na análise das estratexias residenciais e familiares, e das condicións de saúde e benestar a idades avanzadas. Foi profesora invitada en diversas institucións internacionais e é autora de más de medio centenar de publicacións. Con seguridade, unha das persoas máis autorizadas para opinar sobre como enfrontar no futuro os problemas derivados da crise demográfica.

Supoño que desde o punto de vista dunha demógrafa, o fenómeno do avellentamento e a traxedia vivida nas residencias de maiores deixa algunha ensinanza a ter en conta para o futuro.

Basicamente que temos unha poboación envellecida e que é mellor que o vaiamos asumindo. Se logramos meternos isto na cabeza, eu xa me daría por contenta. Hai tempo que vimos repetindo que o que hai que facer é cambiar a pregunta, deixar de cuestionarse como reverter o avellentamento e empezar a preguntar se estamos preparados para vivir con el. A pandemia mostrounos claramente que non o estamos e que deberiamos dedicar os nosos esforzos a adaptar as nosas estruturas de benestar a unha poboación que nunca vai volver a ser a do pasado, a recoñecernos nesa poboación que realmente somos.

Algunhas voces están falando de aproveitar esta crise para levar a cabo unha reordenación territorial que acabe coas diferenzas entre o eixo atlántico e o interior. Quizais iso permitise tamén cambiar a estrutura territorial do avellentamento.

Está avellentando toda a poboación, e en todo o mundo, aínda que ese avellentamento dáse a distintas velocidades. Nas zonas onde as migracións foron máis acusadas a partir da segunda metade do século XX, o proceso é máis rápido, non só polo aumento da lonxevidade e a caída da natalidade, senón tamén porque se perde poboación nova e, ademais, os nacementos aos que daría lugar esa mocidade que emigra. As zonas que sufriron en maior medida eses fluxos migratorios cara á Galiza urbana ou cara a outros territorios do mundo, están moito máis avellentadas.

Eu creo que o máis preocupante, en realidade, non é a taxa de avellentamento en si, senón a homoxeneidade xeracional, é dicir, persoas maiores entre persoas maiores. Sabemos que iso é un factor de vulnerabilidade moi relevante. Hai moita literatura científica que mostra a importancia de ter redes sociais conformadas por persoas pertencentes a distintas xeracións, porque a través desas redes informais temos acceso a recursos de todo tipo: información, estilo de vida, acceso a servizos, axuda instrumental ou emocional… Se esas redes están compostas por individuos iguais, accedemos a un menor abano de recursos, mentres que ese abano será maior canto máis diversa sexa a rede. Daquela, na medida en que poidamos conformar unha estrutura territorial menos homoxénea, con áreas menos “especializadas” por idades, obteremos comunidades menos vulnerábeis.

Dito isto, este non é o único factor a ter en conta. Sabemos que na Galiza rural, sobre todo nas áreas montaña, existe unha esperanza de vida excepcional –feminina especialmente–, das máis altas do mundo. Non obstante, cando na ecuación introduces a variábel da saúde, é dicir, lonxevidade en boas condicións de vida, as que saen son as áreas metropolitanas. Estamos perdendo moita calidade de vida, ou sexa, temos un problema de acceso a servizos.

Iso foi o que deixou ao descuberto a pandemia, a carencia de recursos asistenciais capaces de darlles ás persoas maiores unha certa calidade de vida.

Claro, por iso sería bo recuperar poboación nova que reverta esa especialización etárea da que falabamos antes, que fraxiliza esas comunidades. Mais é importante decatarse de que na medida en que sigamos tendo uns servizos moi centrados en áreas metropolitanas seguiremos tendo un gran déficit en calidade de vida. Nese sentido, non abonda con que a xente “redescubra” o rural, se esa hipotética fixación de poboación non vai acompañada dunha mellor redistribución dos servizos sociais. Esa reorganización dos servizos debería ir cara a unha comarcalización ou agrupación en mancomunidades, que é como funcionan os países máis avanzados en integración sociosanitaria.

Os países nórdicos teñen áreas cunha densidade de poboación moi baixa, mais logran chegar a elas organizándoas nunha especie de comarcas para a xestión local dos servizos sociais. Non todas as áreas son iguais e non todas teñen as mesmas necesidades. Se deseñamos un sistema de servizos pensado para áreas metropolitanas e queremos estender ese modelo a todo o territorio, non imos chegar. Hai que pensar en servizos diferentes para zonas diferentes.

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu