O DOG publica a orde que encomenda ás residentes exercer como especialistas

Vista aérea do Hospital Meixoeiro de Vigo (EP).
As residentes pasarán a exercer como especialistas da súa área de formación percibindo o sario propio da súa categoría profesional. A medida afecta a 158 residentes de medicina e 31 de enfermaría.

Este 25 de marzo, o Diario Oficial da Galiza publica a orde na que fixa a prórroga da contratación de residentes en último ano de formación, encomendándolles “de maneira provisional” as funcións de facultativa adxunta especialista, médica de familia ou pediatra de Atención Primaria ou enfermeira especialista no Servizo Galego de Saúde.

Esta encomenda, segundo recolle o DOG, será realizada polas xerencias de cada área sanitaria. As profesionais sanitarias recibirán a percepción económica propia da súa nova categoría durante o tempo que desempeñen as súas funcións. Ademais, a Consellaría de Sanidade anuncia que se promoverá a “valoración dos servizos prestados” nos procesos selectivos e de provisión de postos do Sergas.

Para que as residentes exerzan no posto que lles correspondería por formación, compre unha avaliación provisional positiva por parte da comisión de docencia do seu derradeiro ano de residencia. Isto non implica que se deixe de elaborar a avaliación final deste proceso, na que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde, entre outras cuestións.

Sanidade lembra que a medida foi adoptada co fin de contribuír “á correcta prestación asistencial” e que a súa duración será determinada pola evolución da crise sanitaria e mais o ditado da normativa estatal. Tamén, que o exercicio da especialidade non suporá “dereito ningún a acceder a unha praza do cadro de persoal da institución”.

Así, as residentes de último ano galegas exercerán a súa especialidade a falta de dous meses para completar a formación. En total, incorporaranse 158 médicas residentes como facultativas especialistas nas súas áreas ademais de 31 enfermeiras.