As residentes do Sergas aínda non son especialistas

Adíase o compromiso do presidente Núñez Feixoo.

O persoal médico residente de último ano mantén a súa condición á espera de que o Goberno estatal valide a proposta da Xunta da Galiza de convertelos en facultativas especialistas de área (FEA) dous meses antes de que rematen oficialmente a súa formación.

Dentro do "plan de reforzo" debullado polo xefe do Executivo galego a pasada sexta feira para facerlle fronte ao coronavirus, Alberto Núñez Feixoo anunciou unha "inxección de persoal" de 189 profesionais. Segundo avanzou, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) disporía "de forma inmediata", desde este 23 de marzo, da totalidade de persoal médico residente (MIR) de último ano con categoría de formación.

Porén, a incorporación destas profesionais -158 médicos residentes como facultativas especialistas de área, máis 31 enfermeiras que están concluíndo a súa formación- aínda non se fixo efectiva, ao non recibir o aval do Goberno estatal.

"Todo o persoal médico residente depende do Ministerio de Sanidade", explica a Nós Diario Hadrián Pernas, residente de quinto ano no servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. "Despois de superar o MIR, entramos nun período de formación que, segundo as especialidades, é de catro ou de cinco anos. O resultado desa proba é o que nos permite elixir destino e especialidade".

Hadrián Pernas, ao igual que outras colegas, elixiu formarse na Galiza. "E malia que o noso soldo o paga o Sergas, faino a través dunha partida do Ministerio. Polo tanto, correspóndelle ao Goberno estatal validar a proposta que fixo pública o presidente da Xunta a semana pasada".

A día de hoxe, os residentes manteñen os seus contratos e os seus salarios como profesionais en período de formación, mais nalgunhas áreas, á espera da orde que permita dispoñer das residentes de último curso como facultativas especialistas a todos os efectos -contractuais, salariais e de responsabilidade - decidiron habilitar un procedemento eventual para poder contar co apoio extra dese persoal.

Así, detalla Hadrián Pernas a este xornal, "onde eu traballo, o xefe de servizo anunciounos que pasaremos a exercer funcións de médicos adxuntos baixo a súa responsabilidade, sen mudar de contrato nin de salario, pero coa garantía dun certificado no que farán constar que comezamos a traballar como facultativos especialistas dous meses antes da fin da residencia".

Pola súa banda, o Sergas asegura a Nós Diario que está "pechando o procedemento" para facer efectivo o cambio anunciado, un asunto, di, "da súa competencia"