Doentes de hepatite C nas cadeas continúan sen acceso aos tratamentos da enfermidade

Cárcere de Teixeiro

A Audiencia de Ourense obriga a Xunta a suministrar os fármacos a un recluso de Pereiro de Aguiar para quen foron solicitados en xuño de 2015 desde o CHUOU.

Dez meses leva agardando o preso A.L.G.G., doente de hepatite C en fase 4, a que o Sergas lle proporcione tratamento para a súa enfermidade. O home atópase recluído no penal de Pereiro de Aguiar e réstanlle 10 anos de condena. 

Embora solicitar o tratamento en xuño de 2015 por parte do especialista do CHUOU, Sanidade négallo obrigándoo a que sexa deslocado a unha cadea de Madrid para lle ser suministrado. Agora, a Audiencia de Ourense obriga a Xunta a proporcionar o tratamento e sinala na sentenza que "non existe razón ou excusa algunha que xustifique que este paciente, por tratarse dun interno do centro penitenciario, e por este único motivo, non se lle dispense igual tratamento e asistencia médica que ao resto da poboación", como recolle o diario Faro de Vigo. 

A decisión do tribunal, que podería ser recorrida perante o Supremo, baséase no propio Regulamento de Institucións Penitenciarias que obriga a garantir "sen excepcións" á poboación reclusa "unha atención médico-sanitaria equivalente á dispensada ao conxunto da poboación". Neste senso, "terán igualmente dereito á prestación farmacéutica e ás prestacións complementarias básicas que se deriven desa atención". 

O Sergas négase a financiar e suministrar os tratamentos porque, di, é competencia de Institucións Penitenciarias 

Porén, na Galiza non se está a cumprir pois o Sergas négase a financiar os tratamentos que entende corresponde asumir a Institucións Penitenciarias, dependentes do Ministerio do Interior obrigando a poboación reclusa a trasladarse a penais madrileños para ser atendida. De facto, unha sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) datada o 20 de maio de 2015 obriga a Sanidade galega a suministrar os tratamentos exista ou non un conflito competencial coas autoridades españolas facendo prevalecer o dereito á atención sanitaria sobre o interese económico da administración. A Xunta recorreu e até o momento continúa sen facilitar os fármacos a, cando menos, 165 persoas reclusas en cárceres galegas que precisan tratamento inmediato de hepatite C das 654 doentes que desenvolven a enfermidade.

A Xunta non cumpre

As cifras foron fornecidas polo Fiscal Superior de Galiza o pasado ano após sérenlle requeridas pola Plataforma de persoas atinxidas por hepatite C pois o goberno galego négase mesmo a informar da situación desta doenza nas cadeas e das medidas que está a adoptar para a atallar. Neste senso, malia que o Parlamento instou a Xunta por unanimidade en varias ocasións a "tratar sen máis dilación" a poboación reclusa, até o momento "a Consellería non se fixo nada para dar cumprimento a ese acordo", denunciou a plataforma. Para alén do máis, en maio de 2015 a Cámara instou o goberno a reclamar as competencias sanitarias para se facer cargo delas tamén nas prisións. De igual maneira isto non aconteceu. 

Así mesmo, Sanidade leva desde setembro de 2015 sen fornecer os dados requeridos pola Valedora do pobo a este respeito. 

A ratio de contaxio do VHC nas cadeas (21,3%)  é 13 veces superior á da poboación non recluída (1,6%)

Após a denuncia presentada pola Fiscalía na que sinala que a Xunta podería ter cometido un delito de "homicidio por imprudencia grave" na morte de 6 doentes de hepatite C aos que lles foi negado ou demorado o tratamento, a situación que atinxe a poboación reclusa volve pór no foco de atención o proceder do goberno galego a respeito deste colectivo que, doutra banda, ten un índice de infección moito maior que o da poboación en liberdade. Así, segundo os dados manexados pola Plataforma, unha de cada cinco persoas encarceradas está atinxida polo VHC (hepatite C). Unha estatística que supera 13 veces a ratio que atinxe a poboación non recluída (1,6%). Aliás, moitas das persoas contaxiadas desenvolven tamén outras doenzas de maneira parella, entre elas o VIH/SIDA. 

Cumpre lembrar que en xaneiro de 2016 o Observatorio de dereitos e liberdades, Esculca, advertiu do pasamento dun preso de Teixeiro que non recibira tratamento para a hepatite C.