"Dóelles que a sociedade se mobilice pacificamente"

 

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, acudiu esta terza feira aos xulgados para declarar no proceso xudicial co que a plataforma cidadá recorreu a sanción imposta pola Delegación do goberno español en 2013. 

Segundo Maceira, a mobilización convocada con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas, contextualizouse nun "ambiente festivo e reinvindicativo" que, dixo, "foi destacado ao día seguinte por todos os medios de comunicación". Neste senso, atribuíu a sanción á "utilización política das institucións a favor dos intereses do Partido Popular, naquel momento á fronte do Concello de Santiago, da Xunta e do Goberno do Estado". 

Maceira destacou o carácter "festivo" e "reivindicativo" daquela xornada 

Neste senso, lembrou que na altura este feito xa se reflectira na "negativa municipal a permitir a colocación dun palco ou megafonía, o que foi recorrido no xulgado e gañado por Queremos Galego, ou coa modificación sen tempo do percorrido notificado á Delegación do Goberno, coa pretensión de obstaculizar a reinvindicación a favor da lingua galega". 

“Dóelles o galego e dóelles que a sociedade se mobilice para defendelo con alegría e pacificamente” sinalou, para resaltar que “da plataforma cidadá Queremos Galego non imos consentir unha sanción política contra o galego e contra a liberdade de expresión. Por iso recorremos aos xulgados”, sentenciou lembrando que tamén outros colectivos foron sancionados argüíndo as mesmas acusacións policiais.