Queremos Galego recorre a sanción que lle impuxo a Delegación do Goberno en 2013

A plataforma comparece esta terza feira (5 de xaneiro) en sede xudicial.

 

O 17 de maio de 2013 milleiros de persoas saían ás rúas de Compostela convocadas pola Plataforma Queremos Galego. Con motivo do Día das Letras e baixo o lema “Non queremos ser estranxeir@s na propia Patria” percorreron a capital de Galiza en defensa do idioma propio. Foi unha multitudinaria mobilización "que non quixo saber nin de adversidades meteorolóxicas nin políticas", recollía o xornalista Xesús M. Piñeiro na crónica de Sermos Galiza

Porén, dous meses e medio despois da manifestación a Delegación do Goberno español na Galiza remitía á plataforma cidadá unha notificación pola que se lle informaba dunha sanción administrativa por ter "arrebolado globos e ovos cheos de pintura e realizado pintadas en entidades bancarias e locais comerciais”. Citan, a seguir, polo miúdo unha serie de oito rúas nas que, segundo a denuncia, se terían realizado as pintadas no transcorrer dunha manifestación na que “participaron diversos colectivos e organizacións portando diversas pancartas en defensa da lingua galega”. A Queremos Galego acúsaselle de, entre outras, unha pintada que reza “Turismo es colonialismo” ou outra co símbolo feminista no establecemento Oysho ademais dunha en Deutsche Bank e no Banco Santander na que se pode ler “Lume ao capital”. 

A sanción oscila entre os 300 e os 6 mil euros

A infracción que se lle atribúe á organización da manifestación sinálase como "grave" polo que lle exixen o pagamento dunha multa de entre 300,52 a 6010,12 euros. 

Recursos

Na altura, Queremos Galego anunciou que recorrería a decisión e así o fixo ao longo dos últimos anos pola vía administrativa acudindo á propia delegación e ao Ministerio de Interior. Ao non obeteren resposta, aseguran, recorreron á Xustiza. 

"Tal e como foi sinalado no seu momento, a denuncia policial foi realizada tres meses despois de transcorrida a manifestación, sen máis testemuñas que os propios policías, acusando ao mesmo tempo dos mesmos feitos a colectivos que tamén se manifestaron, por outros motivos, en datas próximas polas rúas de Santiago", explican desde Queremos Galego en relación á sanción presentada contra a Plataforma galega en defensa do dereito ao aborto

Esta terza feira prestarán declaración xudicial.