SOCIAL

A Garda Civil fala nun informe interno de posíbeis protestas "políticas" e "separatistas" no desconfinamento

Patrulla da Garda Civil (Ricardo Rubio/EP).
O informe prevé que se cumpran as restricións pero sen descartar protestas "por motivacións políticas ou de corte separatista" durante as fases do desconfinamento propostas polo Goberno español. Ademais, chama a "observar" a "actividade nas redes sociais" polo posíbel aumento de "movementos de conflitividade social".

A Garda Civil alerta nun documento interno da posibilidade de que se desenvolvan "de maneira puntual" protestas, disturbios ou sabotaxes tras iniciarse a fase de desconfinamento cara á nova normalidade dentro do estado de alarma pola pandemia do coronavirus. Ademais, avisa de episodios de desinformación a través de bulos que contribúan á "apoloxía do quebrantamento das normas".

Na orde de servizo adiantada por El Periódico e á que tivo acceso Europa Press, considérase como "probábel" que a poboación manteña a aceptación das restricións para garantir a saúde pública, aínda que se mencionan posíbeis protestas "por motivacións políticas ou de corte separatista", así como "contra infraestruturas críticas ou edificios vinculados cos diferentes partidos políticos".

"Existirá unha alta posibilidade de movementos de conflitividade social, polo que se fai necesaria a observación da actividade de redes sociais, foros, etc. E haberá que ter en conta o emprego de internet para a xeración de episodios de desinformación (bulos), así como de apoloxía do quebrantamento das normas", recolle o documento.

A Garda Civil apunta a que "de maneira puntual" poden aparecer "algunhas protestas ou disturbios que alteren a tranquilidade social ou mesmo actos de sabotaxe". Tamén se fala de protestas en zonas máis deprimidas economicamente, de afectadas por ERTE ou despedimentos, dos que senten "marxinados" polas medidas asimétricas d desconfinamento, así como a ocupación de vivendas de maneira ilegal.

Outras posibilidades de "alteracións da orde pública" derívanse de "prohibicións de festas patronais ou relacionadas con fins de semana, festivos ou período estival".

Aceptación das normas 

O documento de carácter confidencial titúlase Orde de Servizo 21/2020 DELTA-PAPA sobre "actuación da Garda Civil no marco do Plan de Transición cara a unha nova normalidade". O Instituto Armado lembra a necesidade de manter as medidas de protección sanitaria perante un proceso que "se pode alongar varios meses" e que "mesmo podería enlazar cunha nova situación de crise sanitaria diante dun novo brote da enfermidade coa chegada do inverno".

Fontes oficiais da Garda Civil subliñaron que este tipo de ordes de servizo son habituais para abordar diferentes escenarios de evolución, ao obxecto de reorganizar os dispositivos de seguridade, se é necesario. Un portavoz do Ministerio do Interior engadiu que é un documento interno que non foi remitido ao departamento que dirixe Fernando Grande-Marlaska.

"Até este momento", sinala a orde de servizo, "constatouse na poboación un comportamento xeneralizado de aceptación das restricións impostas, sendo probábel que esta sexa a tónica que se siga ao longo de todo o proceso cara á nova normalidade".

Con todo, engade que non se pode descartar que se incremente a delincuencia por roubos en vivenda ou instalacións agrícolas, así como os delitos cara a colectivos vulnerábeis como maiores, menores ou as vítimas de violencia de xénero.

Feche de fronteiras e terrorismo

A Garda Civil menciona o feche de fronteiras pola crise sanitaria e atende a ameazas como o terrorismo ("aínda que até o momento non se coñece ningunha ameaza concreta") ou a ciberdelincuencia, polos "niveis altos de estafas e tipos delituosos vinculados a temas relacionados coa COVID-19".

No apartado sobre a "misión" dos gardas civís apúntase que deben "estar ao dispor para dar resposta aos posíbeis conflitos de orde pública que puidesen xerarse", xa que "coa progresiva volta á nova normalidade, é posíbel que tamén se incremente a actividade de organizacións criminais e doutras potenciais ameazas para a seguridade".

Nese sentido, ordenan "potenciar os dispositivos de control dos desprazamentos nas vías interurbanas e  interprovinciais", seguindo o estipulado polo decreto do estado de alarma, así como a comunicación interna con outros corpos policiais.