A reforma dos ERTE abre a porta aos despedimentos

A patronal logra introducir no pacto co Goberno español cláusulas para o que denominan unha maior flexibilidade laboral. Na práctica, o acordo asinado a pasada segunda feira na Moncloa deixa a porta aberta a que as empresas poidan realizar despedimentos sen agardar os seis meses que estabelecía a lexislación para as afectadas por ERTE. 
Firmantes do pacto social polo mantemento do emprego (Moncloa).
photo_camera Firmantes do pacto social polo mantemento do emprego (Moncloa).

Non hai lei sen trampa, e a nova regulación para ampliar os Expedientes de Regulación Temporais de Emprego (ERTE) até 30 de xuño non é unha excepción. Non se trata dunha trampa en si, senón máis ben dunha cesión, a que tiveron que facer o Goberno español e os sindicatos para que a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) subscribise o denominado acordo social en defensa do emprego.

Vén de coñecerse que a patronal estirou a negociación até ben entrada a noite da pasada quinta feira. O principal obstáculo foi a cláusula que obrigaba as empresas a manter o emprego seis meses após a finalización do expediente se non querían verse na obriga de devolver as cotas á Seguridade Social das que quedaban exoneradas polo ERTE.

No documento final, asinado polas partes esta segunda feira e aprobado con rango de lei no Consello de Ministras de onte, as signatarias abren a porta a que as empresas poidan realizar despedimentos en canto finalice o ERTE.

Así o recolle a disposición adicional sexta, que sinala que "este compromiso do mantemento do emprego valorarase en atención ás características específicas dos distintos sectores". Desta maneira, a patronal trata de dar un balón de osíxeno a sectores como o turismo ou a hostalaría, que aínda tardarán varios meses en recuperar a normalidade. De feito, o documento, que espertou críticas do sindicato maioritario da Galiza, a CIG, fala expresamente de sectores con "alta variabilidade ou estacionalidade do emprego", como son os anteriormente citados.

Despedimentos antes que concursos de acredores

Este non é o único suposto que logrou introducir a CEOE no texto final para non ter que cumprir a obriga de mantemento do emprego nos seis meses posteriores á finalización do ERTE. As empresas tamén poderán realizar recortes no seu cadro de persoal se con iso logran evitar a entrada da sociedade en concurso de acredores

Tampouco se considerará incumprida a cláusula se a empresa decide non renovar os contratos temporais, ben por finalización do prazo estabelecido ou pola culminación ou imposibilidade de levar a cabo a obra ou servizo que os amparaban. Os despedimentos procedentes e as interrupcións do contrato fixo discontinuo tamén estarían xustificadas. 

Está por ver se o Ministerio de Traballo, encabezado pola galega Yolanda Díaz, porá trabas a estes despedimentos, xa que no texto non figuran máis detalles de como van regular estas excepcións. Os axentes sociais consideran que o máis oportuno sería avaliar e negociar esas decisións na comisión tripartita formada polos sindicatos, as patronais e o propio Ministerio de Traballo.

Abertos a máis cesións

A ministra de Traballo sinalou a este respecto que se creará a comisión tripartita para facer seguimento das medidas contempladas nese acordo e que se reunirá hoxe por primeira vez. Díaz, que cualificou o acordo como "moi positivo", engadiu que deixa "a porta aberta" a novas medidas para aqueles sectores como a hostalaría e o turismo, pero tamén a automoción, que poidan ter problemas máis aló de 30 de xuño. En todo caso, apuntou que se examinará "sector a sector" para determinar cales van ser os que gocen a partir desa data da "proxección e acompañamento dos recursos das Administracións públicas". 

Desde a patronal hoteleira celebraron o acordo e prestáronse a negociar desde xa a extensión dos ERTE no segundo semestre do ano. O presidente da Confederación Española de Hoteis e Aloxamentos Turísticos (Cehat), Jorge Marichal, celebrou que o Goberno comprendese a "singularidade" do sector, "cuxa reapertura non terá lugar de forma automática ao día seguinte de levantarse o estado de alarma", lembra, "porque simplemente moita da nosa clientela non terá como chegar coa conectividade aérea restrinxida".

Neste senso, o presidente de Cehat asegura que seguirá a negociar co Goberno para conseguir unhas condicións laborais que permitan que os estabelecementos turísticos retomen de forma paulatina a actividade. 

O novo decreto deixa, pois, desprotexidas as traballadoras contratadas por obra ou con contratos fixos discontinuos. Na práctica, tampouco obriga as empresas a adquirir compromisos para beneficiarse das exencións ás cotas da Seguridade Social, xa que poderán xogar coa escusa do concurso para xustificar recortes nos seus cadros de persoal. De feito, aínda con estas medidas, as expertas non desbotan un aluvión de concursos en canto se levante o estado de alarma. Aí as Administracións deberán volver manobrar para que o golpe ao emprego non sexa aínda maior.  

A "propaganda" dos paraísos fiscais

O deputado do BNG Néstor Rego cualificou onte de "propaganda" o anuncio do Goberno español de excluír das axudas públicas polos ERTE as empresas con sedes en paraísos fiscais, xa que só se refire á principal, e non ás filiais. Nese caso, "menos catro", todas as do IBEX non terían dereito a ditas axudas.

Comentarios