A documentación avala a denominación Ría de Ribadeo fronte á proposta de Asturies

Vista da Ría de Ribadeo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Joaquín Milans / Turismo de Ribadeo)

Malia que o Instituto Xeográfico do Estado español está a tramitar a petición do Principado para mudar o nome por 'Ría del Eo', un documento do Consello da Cultura Galega (CCG) indica que debe manterse o topónimo actual. Incide en que a aprobación provocaría unha "anomalía" que antes non existía.

O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de facer público un informe encargado pola Xunta da Galiza segundo o cal a documentación e cartografía histórica consultadas avalan o mantemento da denominación Ría de Ribadeo.

A posibilidade dun cambio xurdiu pola petición do Principado de Asturies, que quere que sexa oficial o topónimo 'Ría del Eo'.

Polo de agora o Instituto Xeográfico dependente do Estado está a facer os trámites burocráticos, pero desde Ribadeo defenden que non se debe producir a modificación ou a alternativa no nome.

Mesmo o Goberno galego ten previsto dirixirse ao Executivo español para defender a 'Ría de Ribadeo' en virtude do estudo realizado polo Consello da Cultura galega.

"Ría de Ribadeo é a forma que avalan a documentación e a cartografía históricas ao longo dos séculos", estabelece a entidade nas súas conclusións para evitar o cambio oficial. Quer en mapas, quer en cartas náuticas de distintos séculos e de diferente autoría apostan nesta opción.

Desde o punto de vista da institución, a “toponimia tradicional” forma parte do “patrimonio cultural inmaterial” polo que, entende, debe ter unha protección.

“O topónimo excede con moito o uso local e invalida o argumento de que poida tratarse dunha tradición exclusiva da beira occidental”, destacan as mesmas fontes, que sosteñen que a proposta asturiana responde a "unha acción de política lingüística que ten como efecto colateral introducir unha anomalía denominativa onde non a había".