Docentes critican os "recortes" no inicio do curso académico e exixen melloras na "atención educativa" ao alumnado

Esta quinta feira comeza o curso escolar nos centros educativos da Galiza. (Foto: Arxina)

O curso académico 2022-2023 dá comezo esta quinta feira con mobilizacións nos centros educativos do país e diante da sede da Consellaría de Educación en Compostela, unhas protestas contra os recortes anunciadas pola CIG e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Nesta terza, os sindicatos CCOO e ANPE denunciaron as "deficiencias e recortes" do sistema educativo galego que "promove" a Consellaría de Educación".

Os sindicatos Comisións Obreiras-Ensino e ANPE analizaron nesta terza feira en senllas roldas de prensa as "diversas" problemáticas do inicio de curso na Galiza, que dá comezo esta quinta feira, e para o que denunciaron os "recortes" no profesorado e a falta de currículos definitivos, xa que ven "mesmo ilegal" facer programacións en base a borradores. CCOO cifrou en 105 o "recorte" de efectivos para este curso académico realizado pola Consellaría de Educación.

O responsábel de CCOO-Ensino, José Manuel Fuentes, fixo referencia a que para "unha mellor atención educativa máis individualizada do alumnado", débense aplicar medidas como a redución de cocientes ou a "volta" ás 18 horas lectivas en Secundaria e 21 horas no corpo de docentes. En particular, Fuentes explicou que a petición da redución de cocientes "é unha demanda moi antiga" e que durante a pandemia "se puido comprobar que é unha medida claramente moi efectiva de atención ao alumno".

Outra das críticas por parte do sindicato CCOO fai referencia ao período de adaptación do alumnado de Educación Infantil, que este ano é "voluntaria". Así, indicou que esta é unha "ferramenta psicolóxica e pedagóxica que axuda as crianzas a iniciarse nos centros", polo que facilitaron aos claustros un modelo de escrito "desaprobando" esta medida.

Polo seu lado, o sindicato ANPE fixo referencia ao protocolo Covid e lembrou que "desaparecen as restricións", pero que "non se indica como actuar, por exemplo, no transporte escolar", no cal, entenden, se debe traballar da "mesma forma" que no transporte público.

ANPE tamén criticou a Lei Orgánica que Modifica a LOE (a acual Lomloe) xa que obriga a mudar libros de texto, algo que, segundo o sindicato, non é preciso, sinalando que "gran parte do profesorado quería manter os libros antigos e adaptalos segundo as necesidades".

Protestas hoxe no ensino

A Plataforma galega en defensa do ensino público convocou para esta cuarta feira concentracións nos centros educativos ás 11.30 horas para que alumnado e profesorado "rexeiten" os recortes. Aliás, realizarán unha concentración á mesma hora fronte á Consellaría de Educación, no edificio administrativo da Xunta de Galiza en Santiago.

Folga nos centros da Galiña Azul

A Confederación Nacional do Traballo (CNT) iniciou esta semana un primeiro período de folga en centros de día, servizos de coidado a persoas maiores e escolas infantís Galiña Azul, que se estenderá até o día 16, para reclamar á Xunta "medidas contra a temporalidade e melloras nas condicións laborais".

A CNT explicou nun comunicado que "o único que actualmente pode parar esta folga" é a toma de terminadas medidas, como a "garantía dunha convocatoria única e específica" de "oposición non eliminatoria" para o persoal".