A folga do persoal da Galiña Azul marca o inicio do curso

Política Social cifrou a participación do persoal na folga desta terza feira en 5,4%.
Mobilización na primeira xornada de folga. (Foto: CNT) #galiñaazul #agaliñaazul #consorcio #folga
photo_camera Mobilización na primeira xornada de folga. (Foto: CNT)

A CNT arrincou nesta segunda feira un primeiro período de folga en centros de día, servizos de coidado a persoas maiores e centros da Galiña Azul, que se estenderá até o vindeiro día 16, para reclamar medidas contra a temporalidade e melloras nas condicións laborais. En concreto, a folga estenderase durante 15 días ao longo dos próximos tres meses.

Alén deste período en setembro, está convocada en outubro, da segunda feira día 3 á sexta día 14; en novembro, d 2 ao 11, e en decembro, do 12 ao 23.

Reclamacións

Entre os motivos que enumeran desde a sección sindical da CNT no Consorcio para endurecer as protestas está que o xerente non solicitase a Función Pública a convocatoria dun proceso selectivo propio, e que "desatenda as súas funcións, declarándose incompetente para negociar cando é o único que pode resolver o tema da temporalidade do persoal, como están a facer as xerencias doutros entes instrumentais".

A CNT explicou que "o único que pode parar esta folga" é a toma de terminadas medidas, como a "garantía dunha convocatoria única e específica" de "oposición non eliminatoria".

Demandan tamén que se contabilice a formación impartida polo propio Consorcio, a retirada do concurso de traslados e unha "baremación xusta na que a experiencia contabilice 90%" e que "se contabilice a antigüidade no Consorcio o triplo que en calquera outra administración".

Segundo os datos da Consellaría de Política Social, a participación na primeira xornada de folga foi de 7,3% das e dos traballadores, mentres que nesta terza feira cífrana en 5,4%.

Comentarios