A docencia marca os límites das "teleaulas"

Unha enquisa da CIG constata a fenda dixital e social do alumnado galego (Europa Press)

A docencia telemática á que alumnado e profesorado se viu forzado desde o pasado 16 de marzo como consecuencia da crise sanitaria pola propagación do coronavirus vese gravemente lastrada pola fenda dixital e social da Galiza. A conclusión tírase da enquisa que a CIG-Ensino realizou durante a semana pasada de forma telemática entre o profesorado galego.

 

Con máis de 6.300 respostas, o estudo sinala que a gran maioría do persoal docente ten problemas para interactuar co seu alumnado.

Segundo o inquérito, apenas unha de cada cinco respostas sinala que pode facelo sen problema, mentres que a maioría do profesorado (61%) di que a súa comunicación ten "limitacións", orixinadas de forma moi maioritaria (81,7%) polas dificulades de conexión do alumnado, e, existe 18,2% que non tivo "ningunha posibilidade de se conectar co seu alumnado", cunha incidencia maior nesa falta de comunicación no ámbito rural.  

Segundo o estudo, nunha cuarta parte das aulas do profesorado que contestou á enquisa a participación está a ser inferior a 30% do estudantado e unicamente nunha de cada dez aulas a asistencia telemática alcanza 90% da clase.

"O profesorado dinos que en máis da metade das súas aulas participa menos da metade do alumnado", conclúe o informe, que reflicte unha diferenciación segundo o nivel educativo, de maneira que en primaria unha ampla maioría do profesorado (71%) cifra o seguimento do alumnado en menos da metade da aula, mentres que na ESO, Bacharelato e FP é o 68% e nas EOI e ensinanzas de réxime especial é o 70%. 

Resulta relevante tamén o dato sobre a experiencia previa en traballo con recursos ou ferramentas en liña por parte do alumnado, segundo as respostas desta enquisa: 53% nos centros de FP, mais unicamente 18% no caso de infantil e primaria. No que respecta ao profesorado, 70,4% do colectivo docente de educación infantil manifestou non ter experiencia en teledocencia, mentres que en secundaria esa porcentaxe baixa a 45,5%.

"A desconexión, segundo revela o inquérito, é moito máis avultada e de carácter xeneralizado do que se podería esperar", sinala o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, quen subliña o diferente impacto desa desconexión dixital, nas distintas etapas educativas.

O estudo, realizado na súa maior parte antes de que se fixeran públicas as instrucións desde o Ministerio de Educación e da Xunta, amosa unha ampla porcentaxe do profesorado, 79%, que considera que o mellor criterio para ese curso é unha promoción xeneralizada, na que as excepcións teña que fixalas o equipo docente, tal e como se estipulou. Máis alá do curto prazo, o responsábel sindical expresa a preocupación ante as consecuencias desta desconexión nos cursos vindeiros, polas "eivas" que pode levar consigo, unha vez se retome o ensino presencial, a promoción xeneralizada, se non vai acompañada de medidas de reforzo, como desdobre de aulas.

Neste sentido, Bermello salienta ademais a resposta practicamente unánime (95%) na crítica á falta de iniciativa da Consellaría de Educación nesta crise. "A enquisa corrobora a denuncia que vimos facendo a unha Consellaría que está a ser parte do problema e non da solución; non está actuando, non tomou a iniciativa e, por riba de todo, non procurou nas organización sociais e nos axentes sociais nin consenso nin contraste nas decisións a adoptar", censura. 

Dereitos, non parches pescuda a atención ao alumnado con NEAE

Tamén a plataforma de familias Dereitos, non parches ten aberto un cuestionario en liña, difundido a través das súas redes sociais, para recoller información sobre a atención educativa que está a recibir no confinamento o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) escolarizado en centros ordinarios da Galiza.

O colectivo, que traballa a prol "dunha educación verdadeiramente inclusiva", recolle opinións sobre os materiais, a orientación e a comunicación dos equipos docentes e as familias para adaptar a aprendizaxe á distancia.

O informe da CIG xa anticipa que o alumnado con NEAE está a sufrir unha "dupla desconexión": máis de dous terzos das respostas apuntan a unha menor participación e insuficientes recursos. Ademais, 85% do profesorado participante di que non recibiu ningunha indicación específica para traballar con este alumnado empregando a formación a distancia.