Os transplantes de órganos caen un 7% pola pandemia

Rolda de prensa para explicar o balance das doazóns. (Foto: Xunta)
Malia que o número de persoas dispostas a facer a doazón se mantén, as autoridades sanitarias advirten de que se detectou un incremento das negativas das familias das persoas falecidas a permitir estas cirurxías. Nas listades de agarda da Galiza hai arredor de 200 persoas.

A chegada do coronavirus á vida das e dos galegos tivo outros cambios de calado aliás a mudanza de costumes. Segundo as autoridades sanitarias, por exemplo, no ano que vén de rematar detectouse unha caída dos transplantes de órganos na rede hospitalaria. En concreto falan dunha redución do 7% con respecto ao ano anterior.

Así o explicaron esta segunda feira o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López; e a coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas.

Se ben é certo que a cifra está moi por debaixo da media estatal, que está preto dun 19% de redución, resulta preocupante que a Covid-19 freara unha dinámica que ía en aumento e salvaba ou melloraba moitas vidas.

Con esta dinámica como base, en 2020 practicáronse 328 cirurxías e sumáronse 2.184 persoas á listaxe de galegas que fornecerán os seus corpos aos equipos médicos para atender a outras persoas que precisen dalgún órgano. Arredor de 200 aínda están en lista de agarda.

Pola situación das UCI?

Ademais, na rolda de prensa comentaron que se dispararon até abeirar o 20% (19,7%) as negativas das familias a doar órganos das e dos seus achegados falecidos. Xusto un ano antes ese non chegaba a cifras mínimas cun 13% dos casos.

López recoñeceu que este cambio de parecer, aínda que “minoritario”, puido deberse á “complexa” situación viva nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) polo virus, “na que non se recomendaba o acompañamento e algúns familiares non puideron despedirse”.

Malia todo, semella que polo momento o cómputo de doantes estaría por enriba dos 40 por cada millón de habitantes.

Ril, fígado e pancreas

No que se refire a estatísticas concretas, a pesar da baixada, as e os expertos falaron de que as operacións de corazón na Galiza foron máis que a nivel do Estado español. Tamén se alcanzou a cifra de transplantes de pulmón máis alta no país desde que se iniciou o programa en 1999.

Do total de cirurxías, 141 foron de ril (en 2019 chegaban a 176); 103 de fígado (115) e dous de páncreas. Porén, déronse menos doazóns de riles entre pacientes vivos.