Do 8 de setembro ao 21 de xuño: Eis o calendario escolar 2022/2023

Unha crianza nun pupitre dunha aula galega. (Foto: Europa Press)
En canto aos períodos vacacionais, estarán fixados do 23 de decembro ao 6 de xaneiro, ambos incluídos; os días 20, 21, e 22 de febreiro para Entroido; e desde o día 3 até o 10 de abril, ambos incluídos, para Semana Santa.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta quinta feira o calendario escolar definitivo para o vindeiro curso 2022/23. Este non inclúe modificacións con respecto ao borrador presentado a principios de maio, polo que as clases comezarán en todas as etapas o 8 de setembro e finalizarán o 21 de xuño de 2023.

Segundo a orde recollida no DOG, asinada polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, o calendario da Xunta desoe as críticas expostas polos sindicatos na mesa sectorial, que pedían atrasar o inicio ao 9 ou mesmo 12 de setembro, para así manter en 175 os días lectivos.

A finalización será o 21 de xuño de 2023 con carácter xeral, fóra dos ensinos de réxime especial, que concluirán o 30 dese mesmo mes, e 2º de Bacharelato, que se axustará ao calendario da ABAU.

En canto aos períodos vacacionais, estarán fixados do 23 de decembro ao 6 de xaneiro, ambos incluídos; os días 20, 21, e 22 de febreiro para Entroido; e desde o día 3 até o 10 de abril, ambos incluídos, para Semana Santa.

Festivos estatais, nacionais e municipais

Así mesmo, serán non lectivos os festivos de ámbito estatal, nacional e municipal. No caso das festas locais, se unha ou dúas coinciden con días que non son lectivos de acordo co calendario escolar, os centros poderán solicitar á xefatura territorial de Educación que se movan a outras xornadas "argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica" antes do 21 de outubro.

Á parte de todos eles, a Xunta estabeleceu a celebración do Día do Ensino, que será non lectivo, o luns 31 de outubro de 2022.

Conmemoracións nos centros

A orde tamén estabelece que os centros "poderán celebrar" determinadas conmemoracións que inclúan na súa programación anual. Se algunha destas datas cae en sábado, domingo, festivo ou período non lectivo, poderase retomar o día lectivo inmediatamente anterior ou posterior.

A listaxe de conmemoracións para o vindeiro curso inclúe o Día Universal da Infancia (20 de novembro); o Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro); o aniversario da Constitución e do Estatuto de Autonomía da Galiza (30 de novembro ao 7 de decembro); o Día das Persoas con Discapacidade (3 de decembro); e o Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (10 de decembro).

Xa en 2023, a Consellería contempla a celebración do Día Internacional da Educación (24 de xaneiro), o Día da non Violencia e a Paz (30 de xaneiro), o Día de Rosalía de Castro (23 de febreiro), Día da Muller (8 de marzo), Día dos Dereitos do Consumidor (15 de marzo), a Semana da Prensa (6 ao 10 de marzo), Día das Artes Galegas (1 de abril), Día da Saúde (7 de abril), Semana do Libro (17 ao 21 de abril), Día contra o Acoso Escolar (2 de maio), Día de Europa (9 de maio), Semana das Letras Galegas (15 ao 19 de maio) e Día do Medio Ambiente (5 de xuño).

Xunto a todas estas datas, a Xunta tamén dispón que os centros sostidos con fondos públicos realizarán actividades específicas cando se aproximen celebracións internacionais pola igualdade de dereitos do colectivo  LGTBIQ+, de conformidade coa lei galega de igualdade de trato e non discriminación.