Mariñeiros que viviron naufraxios ou sinistros no mar falan daquel momento

"Díxenme: eu ao fondo non vou, aguanto. E aguantei"

Operativo de busca despregado nas augas de Terranova (Foto: JRCC Halifax).
"Ao mar hai que terlle respecto sempre". Unha opinión que trasladan mariñeiros como Sebastián, José, Manuel ou Balbino, de idades e portos diferentes mais con amplos currículos no caderno marítimo: Terranova, Gran Sol, Malvinas, Chile, Angola, Atlántico Occidental.... Os catro saben o que é cando o mar "dá sustos"

"Colleunos o mal tempo cando estabamos na virada e metendo o saco a bordo. Cedeu a porta de arrastre, que pillou o contramestre, tronzouno e mandouno ao mar. O corpo apareceu dous anos despois, atopouno outro barco que andaba a pescar alí". Alí é Terranova e quen fala Sebastián Freire, de Marín, xefe de máquinas que pasou 30 anos pescando nos caladoiros desas augas. Non foron as únicas nas que traballou; Chile e Malvinas tamén figuran no currículo. 

"Terranova perigosa? Todos os mares o son", di a Nós Diario. Freire afirma que nas tres décadas de experiencia naquelas augas houbo non poucos naufraxios e sinistros. "Os corpos dos desaparecidos acababan aparecendo aos dous anos, atopados por outro barco. Mais daquela eramos máis de 50 barcos", apunta.

Balbino González, de Porto do Son, sobreviviu a dous naufraxios, un en Terranova e outro perto de Cabo da Nave, en Fisterra. "O pesqueiro 'Borda Aundi' era de Pasai Donibane, incendiouse e acabou indo a pique", lembra. Á tripulación rescatouna horas despois o barco co que pescaba "á parella" en Terranova. 

"Fun a catro patas de camarote en camarote"

"Pásache de todo pola cabeza e a velocidade de vertixe", confesa, "Pensas que todo se acaba". "E aínda ben", engade, "que cando empezou o incendio ocorréuseme ir espertar aos que estaban durmindo nos catres, fun a catro patas de camarote en camarote avisando".  Anos despois, González volveu coñecer o "susto", desta volta perto de Fisterra , cando tumbou o barco costeiro no que transportaban madeira — "o barco ía mal cargado e con sobrecarga"— ao pouco de partir de Laxe. "Eu botei na auga das once da noite a seis da mañá, aí si que pensei que non o contaba", recoñece este mariñeiro. Foi rescatado por un buque que facía a liña Vigo-Francia transportando vehículos de Citroën.

José Alcalde, de Rianxo, ten traballado na pesca en augas como as de Malvinas ou Angola mais onde pasou o seu peor día foi  na Ría de Arousa, a escasas millas do porto rianxeiro. Foi en xullo de 2014 e o barco retornaba de noite despois de pescar ao xeito. "Batemos cunha batea a fomos ao mar", explica por teléfono a Nós Diario desde a embarcación onde está pescando ao bou de vara. Co impacto da colisión "rompín a clavícula, unha perna e varias costelas". Mais foi quen de se agarrar a unha corda da batea. Alí botou 5 horas até que o rescataron. "Medo? Pasoume de todo pola cabeza", confesa, "neses momentos pensas en moitas cousas". A forte dor e o frío non foron, porén, quen de que desfalecese. "Díxenme: José, ti ao fondo non vas, hai que aguantar. E aguantei"

"Se che falla o motor principal con mal tempo, estás vendido"

O pesqueiro 'Vila de Pitanxo' afundiu como consecuencia dos golpes do mar que o escoraron, tras sufrir unha parada no motor principal durante unha manobra de virada do aparello, segundo informou nun comunicado esta segunda feira a armadora do Grupo Nores, á que pertencía o barco.

"Se che falla ou para o motor principal no medio do mal tempo, estás vendido", afirma Sebastián Freire: "O mar bandéate todo o que quere e acabas indo ao fondo", asegura. Apunta a que hoxe en día os barcos son "inmensamente" mellores dos que había hai 20 ou 30 anos, "e moito máis seguros". Mais ao mar, apunta, hai que lle ter "respecto" sempre. E en caladoiros como Terranova ou Gran Sol "aínda máis". Algo que testemuñan as ducias de naufraxios nas súas augas ao longo destas décadas.