Unha distopía chamada "Eucalizán"

O ambientólogo Iván Pérez estuda a relación da xestión forestal coa percepción social na súa parroquia, Lourizán (Pontevedra). (Foto: Nós Diario)
O eucalipto ocupa 95% do monte da parroquia de Lourizán, di Savia Nova

Se, como defende Iván Pérez, impulsor do proxecto audiovisual Savia Nova, a toponimia afonda moitas veces as súas raíces na vexetación autóctona, a parroquia pontevedresa de Lourizán, onde se sitúa a fábrica de ENCE, podería, nun futuro hipotético, pasar a chamarse "Eucalizán".

Con esta brincadeira, o seu último traballo quere advertir das repercusións que ten a xestión forestal sobre a cultura dun lugar. No caso de Lourizán, con arredor de 95% do seu territorio forestal ocupado por eucalipto – tanto de forma monoespecífica, como acompañado por outras especies como piñeiros ou frondosas–, segundo o IV Inventario Forestal, a "desproporción" ten  consecuencias na percepción da súa poboación, segundo o experimento realizado por Pérez en redes sociais.

Porque, como explica, á pregunta sobre as tres primeiras especies de árbores a atopar no monte, os resultados sitúan o eucalipto en primeira posición (26% das respostas), á par do carballo e por diante do piñeiro (19%), o castiñeiro (11%), a acacia (4%) ou o loureiro (2%).

"A falta de biodiversidade no monte reflíctese como unha falta de cultura e coñecemento na xente", conclúe no seu vídeo o activista, que conta para esta análise coa colaboración do director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Juan Picos.

"A xente recoñece o que ve, e o trinomio eucalipto, piñeiro e carballo foi a resposta máis empregada, que son exactamente as especies máis presentes da nosa contorna", sinala o vídeo. Pouco queda, pois, na memoria colectiva, dos loureiros que dan nome a Lourizán.  

Diversificación contras a monotonía

Na súa intervención, o director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra salienta que desde a ciencia "deféndese sempre a diversificación, tanto ecolóxica como económica".

Pola biodiversidade, como estratexia, e tamén desde unha perspectiva social: "A homoxeneidade paisaxística xera unha percepción que pode ser menos favorábel 
se é moi monótona".