O distanciamento na aula dependerá da etapa educativa

Estudantes nunha aula da Mariña (Foto: EP).
Con dúas convocatorias de folga do profesorado enriba e as emendas que supuxo o acordo interterritorial no que se fixaron, hai case unha semana, as actuacións sanitarias de mínimos a aplicar nos centros de ensino a nivel estatal na volta ás aulas, a Xunta volve mudar o seu protocolo de inicio do curso sen escoitar antes a comunidade escolar galega.

A Consellaría de Educación apela, na resolución feita pública na tarde do 31 de agosto, á "inquedanza da comunidade educativa" polo aumento de focos de coronavirus, e a un maior coñecemento sobre a propagación da enfermidade, para sustentar as modificacións que se introducen na planificación, que fora remitida aos centros de ensino cinco semanas antes. 

Os cambios veñen incorporar no documento galego os acordos adoptados na xuntanza das distintas Administracións educativas e sanitarias co Goberno español, que xa foron publicados no DOG, sen máis comunicación, a última hora da pasada sexta feira, e que atinxen a unha cuestión chave, como é o distanciamento interpersoal dentro dos centros, que supuxo unha das principais reivindicacións do profesorado e das familias para un reinicio seguro da docencia presencial. 

Se no seu documento inicial, a Xunta situaba a separación mínima dentro da aula a un metro  entre persoas, a contar desde o centro das cadeiras –por debaixo das recomendacións que se facían desde o Ministerio de Educación e das prescricións da OMS–, a versión "definitiva" amplíaa "con carácter xeral" a 1,5 metros, o que ten implicacións no número de persoas que ocuparán unha aula e nas necesidades de persoal docente para atender posíbeis desdobres. 

Agora ben, esa distancia só afectará o alumnado e profesorado do Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato e Formación Profesional. Nas etapas anteriores, a Xunta estabelece como pauta organizativa os grupos de convivencia estábel –as chamadas "aulas burbulla"–, ampliando a toda a educación Infantil e Primaria este modelo, no que non se aplican criterios de limitación de distancia, ao preverse que estes grupos non manteñan contactos fóra da súa "burbulla".

Nese sentido, a instrución chama a "garantir a estanqueidade do grupo de convivencia estábel en todas as actividades que se realicen dentro do centro", aínda que non detalla como garantir o isolamento de portas para fóra. 

A Xunta engade, na última modificación ao seu protocolo, a constitución de subdivisións dentro destes grupos estábeis formadas por cinco estudantes, "preferibelmente os mesmos sempre", unidades que traballarán distanciadas 1,5 metros entre si, e que teñen como finalidade "mellorar a trazabilidade dos contactos".

Para os cursos superiores, o novo documento si fixa a distancia interpersoal de 1,5 metros. Para procurala, os centros poderán retirar mobiliario que diminúa a superficie útil da aula ou utilizar aulas alternativas de especialidade de maior dimensión, como laboratorios ou aulas de música. "Cando non sexa posíbel ningunha das accións anteriores desdobrarase o grupo", estipula a Xunta, que xa apuntara esta posibilidade en comunicacións anteriores. 

Máscaras si, ratios non

A última versión do protocolo galego de volta ás aulas explicita, como xa anunciara hai dúas semanas o presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a obrigatoriedade do uso da máscara na aula a partir dos seis anos –con exencións para  alumnado con patoloxías respiratorias ou condicións específicas que fagan contraproducente o uso– e a recomendación de estender ao alumnado de entre 3 e 6 anos o uso da barreira facial. Segundo recolle, o alumnado deberá á tamén levar unha segunda máscara de recambio nunha funda. 

Porén, o texto deixa fóra outro dos compromisos adquiridos por Feixoo naquela mesma comparecencia, como era a limitación a 25 alumnos e alumnas por aula, o que supón xa a ratio máxima legal en Infantil e Primaria, e que non se fixa para as etapas superiores, onde a normativa prevé de forma ordinaria até 32 estudantes.

Entre as novidades que se recollen no documento da Consellaría de Educación cóntanse tamén as prescricións para adoptar as pautas de ventilación frecuente que se acordaron na conferencia interterritorial, a asignación de postos fixos para o alumnado no comedor e no transporte escolar ou normas específicas para materias como música –con distancias mínimas de tres metros para as sesións con instrumentos de vento, como frautas–, e educación física, con posibilidade de retirar a máscara en actividades no exterior. 

Coa premisa de primar a presencialidade, a Consellaría modifica tamén o inicio do curso para facelo escalonado, de maneira que Infantil e Primaria comezarán entre o 10 e 11 de setembro e Secundaria, Bacharelato e FP, entre o 16 e o 18.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da cuarta feira, día 2, nos quiosques ou na nube]