Dispáranse na Galiza os novos contaxios con 1.140 en 24 horas

Unha especialista sanitaria supervisa a evolución dun doente Covid (Eduardo Parra / Europa Press).

Galiza supera os 13.300 casos activos da Covid-19 ao situarse en 13.331, que supoñen 639 máis que a xornada anterior, despois de dispararse os novos  contaxios até os 1.140. Descenden a 271 os pacientes hospitalizados por este motivo e a taxa de positividade baixa a un 9%.

A situación da pandemia na Galiza non mellora. Segundo datos facilitados pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta terza feira, Galiza supera os 13.300 casos activos froito da pandemia e sitúase en 13.331, que supoñen 639 máis que a xornada anterior, despois de dispararse os novos contaxios até os 1.140.

Pola contra, descenden a 271 os pacientes hospitalizados por este motivo, (22 menos) e a taxa de positividade baixa a un 9%.

En relación ás persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19, na Galiza xa son 53, unha máis, e descenden a 218 as hospitalizadas noutras unidades, 23 menos, mentres que 13.060 pacientes atópanse en seguimento nos seus domicilios.

Presión hospitalaria

A presión hospitalaria redúcese en seis das sete áreas sanitarias, mentres que na da Coruña e Cee mantense, ao subir a cinco os pacientes Covid en UCI, un máis, após baixar a 23 os ingresados noutras unidades, un menos.

Por áreas, destaca a área de Vigo, na que aínda que aumentan a 26 os pacientes con Covid na UCI, dúas máis, descenden a 69 os ingresados noutras unidades, 15 menos; mentres que a de Pontevedra e O Salnés mantén sete en críticos e rexistra 36 noutras unidades, catro menos.

Na de Ferrol seguen dous pacientes Covid en UCI e descenden a oito os ingresados noutras unidades, dúas menos; e na de Santiago e Barbanza continúan cinco en críticos e baixan a 14 os hospitalizados noutras unidades, un menos.

Pola súa banda, na de Lugo redúcense a catro as persoas ingresadas en UCI, unha menos, e permanecen 12 persoas noutras unidades; mentres que na de Ourense descenden a catro o críticos, un menos, e mantéñense 56 noutras unidades.

Supera a barreira dos 13.000 casos

Galiza supera os 13.000 casos activos de Covid-19 ao medrar a 13.331. As infeccións activas aumentan en seis das sete áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (+261), seguida da de Santiago e Barbanza (+124); A Coruña e Cee (+109); Pontevedra e O Salnés (+88), Lugo (+32) e Ourense (+29); mentres que descenden lixeiramente na de Ferrol (-4).

Daquela, segue con máis casos activos continúa a área de Vigo, con 4.319; seguida da de Ourense, con 2.783; Pontevedra e O Salnés, con 2.016; A Coruña e Cee, con 1.886; e por baixo do milleiro seguen as de Santiago e Barbanza, con 996; Lugo, con 834; e á cola mantense a de Ferrol, con 497.

Os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade esta pasada terza feira, sitúan a Galiza  cunha taxa a 14 días de 461,06 casos por 100.000 habitantes, polo que segue a incidencia por enriba da media estatal, que está en 412,26.

Catro persoas falecidas

Sanidade notificou catro novos falecementos. En concreto, dous destes falecementos tiveron lugar na xornada na segunda feira: un home de 86 anos ingresado no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) e unha muller de 78 que recibía asistencia no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Ademais, esta terza faleceu unha muller de 90 anos no Hospital Povisa e outra de 92 na residencia CLECE Pardo Bazán de Vigo. Todas estas persoas tiñan patoloxías previas.

O total de persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza ascenden a 2.710.