A disfunción reprodutiva aumenta e eleva a demanda de tratamentos de fertilidade

Técnica de reprodución asistida. (Foto: Europa Press).
Un 17,5% da poboación adulta padece esterilidade, segundo recolle a Organización Mundial da Saúde. A OMS sinala "un importante problema de saúde pública", cunha prevalencia similar en todos os territorios do mundo, máis ou menos ricos, polo que chama a ampliar e a facer máis accesíbel a atención á esterilidade.

Unha de cada seis persoas adultas, segundo a OMS, ten problemas de esterilidade, é dicir, dificultades para conseguir un embarazo. Esta disfunción reprodutiva, termo "menos estigmatizante e máis preciso" á hora de nomear esta alteración, defende o xinecólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra Luís Devesa Otero, pode diagnosticarse cando non se consegue unha xestación tras un ano de busca activa, ou seis meses cando a idade materna supera os 35 anos.

O experto en reprodución asistida diferencia esterilidade  e infertilidade, dúas situacións que tenden a confundirse, di. "A infertilidade é a dificultade para conseguir que un embarazo chegue a término e diagnostícase cando se perden xestacións de forma reiterada".

As causas destas disfuncións reprodutivas son diversas. Devesa Otero destaca a contribución tanto de factores masculinos como femininos á esterilidade ou infertilidade, sen que en moitos caos sexan suficientes para xustificalas. "Ás veces é unha combinación de factores que identificamos nos dous membros da parella,  noutros casos, nun 15 e 25%, temos que falar de disfuncións reprodutivas de orixe descoñecida".

Cada vez máis, asegura o xinecólogo, estase a recoñecer a influencia de factores ambientais, "substancias –ou axentes tóxicos, como o tabaco– que chamamos disruptores hormonais que poden afectar o desenvolvemento ovocitario e a calidade seminal".

Reprodución asistida

A disfunción reprodutiva, alerta a OMS, "pode causar angustia, estigma social e dificultades económicas", polo que anima a investir en prevención, diagnóstico e tratamentos. As solucións dispoñíbeis na actualidade, advirte, son pouco accesíbeis e moi custosas para a maioría das persoas con problemas de esterilidade ou infertilidade que queren ter fillos.

"En función das características de cada parella ou muller que desexe un tratamento de reprodución asistida –o Sergas tamén se financian tratamentos con seme de doantes– as opción son diversas", explica Luís Devesa Otero. "Coitos programados, inseminación artificial, fecundación in vitro, ovodoazón e mesmo existiría a posibilidade dunha preservación da maternidade, cada vez mais frecuente, que consiste en que unha muller sen desexo reprodutivo inmediato preserve a maternidade mediante a estimulación ovárica e a criopreservación".

Na Galiza por riba dos 40 anos non se financian tratamentos de reprodución asistida

Todas estas opcións son posíbeis na sanidade pública porque son parte da súa carteira de servizos, "pero as indicacións están moi restrinxidas", aclara o xinecólogo. 

"A preservación da maternidade está reservada a aquelas mulleres afectadas por certos procesos patolóxicos que poden supor unha perda importante da reserva folicular, por exemplo mulleres con cancro que van ser sometidas a quimioterapia". No caso das inseminacións e das fecundacións "existen moitos máis requisitos: a idade, fillos previos coa mesma parella ou  calquera característica concreta que poida saír nos estudos básicos de esterilidade".

Os criterios fixados dificultan o acceso aos tratamentos no sistema sanitario público, comezando pola idade. "Na Galiza por riba dos 40 anos non se financian tratamentos de reprodución asistida", unha idade que algúns territorios do Estado están comezando a revisar, como Madrid, que vén elevar a idade máxima aos 42 anos.

Gastos exorbitados

"A día de hoxe é innegábel que o factor etario é un dos principais factores prognóstico á hora dun tratamento de reprodución asistida", o mesmo que limita o acceso ás técnicas de reprodución asistida na pública nun momento en que "a maternidade se adía cada vez máis". Isto, ao tempo que reduce o potencial reprodutivo, eleva a necesidade das persoas que queren ter fillos de recorrer á privada e de pagar do seu peto tratamentos que van dos 1.000 aos 12.000 euros. "Unha inseminación son varios centos de euros ou mil e pico. Unha fecundación simple, uns 6000. Unha ovodoazón roza os 10.000", apunta Devesa Otero.

Cada caso requirirá un investimento diferentes, en función das necesidades e das recomendacións clínicas, cada vez máis persoanalizadas e menos globais. En calquera caso, a resposta aos tratamentos indicados, tamén vai marcar o proceso, a súa continuidade ou non e o seu custo final.