Xustiza

O disco duro de Déborah foi manipulado após pasar a mans da Policía Nacional

Concentración en Vigo decorrida o pasado 28 de decembro para pedir "xustiza para Déborah". (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
O caso prescribiu o pasado 30 de abril malia que se manteñen as actuacións abertas contra o seu ex mozo, o único investigado pola morte e desaparición da rapaza viguesa en 2002.

O informe pericial encargado a Lazarus Technology sobre o disco duro do computador que pertenceu a Déborah Fernández-Cervera conclúe que o dispositivo foi manipulado con posterioridade á súa recollida por parte da Policía Nacional. Así figura no devandito informe, que xa foi trasladado ao Xulgado de instrución número 2 de Tui, cuxa titular accedeu á petición da familia da moza de citar a declarar os peritos que o elaboraron.

As persoas expertas, que xa avanzaron hai meses que o disco duro fora manipulado, conclúen que "se pode descartar que as manipulacións recollidas no informe anterior e a que figura identificada a respecto dos ficheiros achegados no DVD foran producidas de maneira previa á entrega do dispositivo aos axentes, descartando a manipulación previa á entrega".

Isto quere dicir que sitúan esa manipulación a partir de 2006, cando a familia entregou o disco duro a un axente da Policía Nacional que llo requiriu. Ese disco estivo baixo custodia policial até 2019, cando se reabriu o caso e foi remitido ao Xulgado.

Precisamente, ao tentar pór en marcha de novo o disco duro no Xulgado, este sufriu danos irreparábeis e, finalmente, a instancias da familia de Déborah, foi enviado aos expertos de Lazarus para tentar obter algunha información.

A pesar da imposibilidade de sacar datos do dispositivo, os peritos si puideron concluír que foi manipulado por algunha persoa experta, nalgún momento despois de ser entregado á Policía. "As datas están alteradas con posterioridade á recollida do dispositivo", sinalan os expertos no seu informe.

A familia, que denunciou repetidamente as "neglixencias" durante os primeiros anos de investigación, solicitará que se abra unha peza separada no Xulgado para esclarecer o acontecido co computador de Déborah, e seguirá traballando para demostrar "outras manipulacións", como a que se produciu cunha listaxe de chamadas telefónicas do móbil da vítima, onde aparecen 28 ocos.

O pasado sábado 30 de abril, tras cumprirse 20 anos desde a desaparición da moza, o caso prescribiu no que atinxe a posíbeis dilixencias sobre outros sospeitosos, de maneira que só se manterán as actuacións a respecto do ex mozo de Déborah, Pablo P.S-L., o único investigado. A familia pedirá que se abra xuízo oral contra el.