Dirixentes do Partido Popular amosan reticencias á lei do aborto de Gallardón

Ruíz Gallardón [Imaxe: Moncloa]

Líderes xuvenís como o presidente de Novas Xeracións, Javier Dorado, a delegada do Goberno español en Madrid, Cristina Cifuentes ou a ex-ministra de Sanidade con Aznar, Celia Villalobos, amosan un sutil desacordo coa reforma aprobada polo Consello de Ministr@s. 

 

Sen moito rebumbio e a paso lento están a medrar as voces discordantes entre militantes do Partido Popular e algún responsábel político a respeito do anteproxecto de reforma da lei do aborto. 

Neste senso, após anunciar o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón a Lei para os dereitos do concibido e da muller preñada, algúns coñecidos militantes do Partido Popular, amosaron --aínda que de maneira sutil-- o seu desacordo cunha norma tan regresiva. Así, a delegada do Goberno español en Madrid, Cristina Cifuentes, asegurou nunha entrevista concedida a Radio Nacional Española (RNE) que prefería unha lei de prazos en troca dos supostos que introduce de novo a reforma de Gallardón. Porén, asegurou que acata a decisión do partido.

Cristina Cifuentes amosouse partidaria dunha lexislación de prazos mais dixo acatar a decisión do seu partido

"Creo que había que reformar esta lei", sinalou Cifuentes en relación á normativa de 2007 e a dous dos seus artigos máis conflitivos --a posibilidade de que unha persoa a partir dos 16 puider abortar sen autorización familiar e que se puider interromper libremente o embarazo durante as primeiras 14 semanas. Porén, acrecentou a popular, "teño unha opinión que non coincide coa maioritaria do meu partido. Estou máis de acordo cunha regulación de prazos". Así amosou publicamente o seu posicionamento a delegada do Goberno español, unha militante do Partido Popular coñecida polo seu carácter conservador e pola dureza na aplicación das leis, especialmente de carácter represivo contra os movementos sociais. 

A supresión do suposto de malformación, o principal desacordo

Xunto a ela, o voceiro do Partido Popular no Parlamento basco, Broja Sémper, desmrcouse da medida aprobada polo Consello de Ministr@s e mesmo pediu á dirección do seu partido que rachen coa disciplina de voto nas Cortes e permitan @s deputad@s "votan en conciencia" porque "os partidos non poden ser sectas", indicou. Segundo Sémper, a "chave" da polémica reforma está en "respectar o dereito da muller a decidir sobre o seu propio corpo e a súa propia vida e en facelo compatíbel con quen non pode" decidir. Un traballo non exento de dificultade. 

O parlamentar basco foi máis alá e cuestionou a supresión do suposto de malformación que retrotrae o anteproxecto de reforma para alén da lexislación aprobada en 1985. "Hai situacións moi dramáticas para moitas parellas que teñen que afrontar unha situación extrema cando o médico", apuntou Sémper, "lles di que o feto ten malformación".

Borja Sémper do PP-Euskadi pide á dirección do partido que  rache a disciplina de voto e deixe votar @s deputad@s "en conciencia"

Para o voceiro basco, o executivo español deberia "afinar un pouco máis" a proposta neste senso. Unha opinión, partillada polo rexedor madrileño, o popular Francisco León de la Riva que mesmo tildou de "erro" orbrigar á nai a continuar co embarazo cando o feto posúa malformacións. Ora ben, o alcalde e xinecólogo, advogou por contemplar supostos como o dos etos anencefálicos nos que o aborto, dixo, "podería estar xustificado". 

Tamén así, Celia Villalobos, ex-ministra de Sanidade durante o goberno de José María Aznar, reiterou que a súa postura "xa é coñecida". Villalobos foi sancionada en diversas ocasións pola dirección do Partido Popular. A actual vice-presidenta do Congreso amosou en múltiples ocasións o seu rexeitamento a reformar a actual lei de prazos e mesmo chegou a se ausentar da votación dunha proposción non de lei presentada polo PSOE na que demandaba ao executivo de Mariano Rajoy que paralizase a reforma. 

O deputado do PPdeG Javier Dorado, desmárcase

En Galiza, até o momento só un deputado do PPdeG amosou as súas reticencias a respeito da Lei dos dereitos do concibido e da muller preñada. O líder de Novas Xeracións e parlamentar, Javier Dorado, asegurou na súa conta persoal de Twitter que "o Estado non debe complicar as cousas" cando existe malformación no feto e advogou por "protexer o equilibrio" entre os dereitos das mulleres e "a protección do non nado". Dorado apuntou que "a muller é a mellor preparada para protexer ao non nado, moito mellor que o Estado".