Novidade

Os directores de 'Berria' e 'Vilaweb' e a directora de 'Nós Diario' estrean sección

Martxelo Otamendi, Vicent Partal e María Obelleiro (Imaxe: Nós Diario)
Nós Diario estrea este sábado nova sección. Baixo o título "Galeusca de Direccións", os directores de Berria e Vilaweb e mais a directora de Nós Diario ofrecerán, no marco da Tribuna, a súa opinión a respecto dos temas de actualidade. O medio euskaldun de referencia e o decano da prensa dixital en Europa tamén publicarán cada semana os tres artigos.

"Galeusca de Direccións" é o título da nova sección que Nós Diario estrea mañá, sábado día 19. Cada fin de semana, dedicarase unha das páxinas da Tribuna aos artigos de opinión que se cruzarán o director do diario euskaldun Berria, Martxelo Otamendi; o director do diario dixital catalán Vilaweb, Vicent Partal, e mais a directora de Nós Diario, María Obelleiro

Trátase dun paso máis no camiño que abriron os tres medios coa iniciativa "Un verán en Galeusca", sección na que compartiron os relatos de verán asinados por autoras e autores vascos, cataláns e galegos.

Con "Galeusca de Direccións", Berria, Vilaweb e Nós Diario avanzan nunha colaboración en que os tres medios de Euskal Herria, Països Cataláns e Galiza van tecendo sinerxías para afondar nunha relación máis estreita que leve a partillar informacións.

A sección, de carácter semanal, ten o seu xerme nas "Cartas cruzadas" de Otamendi a Partal e de Partal a Otamendi que tanto Berria como Vilaweb publicaban todas as fins de semana. Os directores do diario euskaldun de referencia e do decano da prensa dixital en Europa convidaron a directora de Nós Diario a tomar parte desta sorte de faladoiro no que intercambiarán os seus puntos de vista e que verá a luz durante as fins de semana nos tres xornais.

Ademais, Nós Diario en papel vén acompañado este sábado da publicación monográfica "Producir", que nesta ocasión conta con artigos asinados polas profesoras da USC María do Carme García Negro e María Cadaval, dos profesores da USC Gonzalo Rodríguez e Bernardo Valdês, dos economistas Xabier Péreza Davila, Manoel Barbeito e Iago Santos Castroviejo, entre outras.

Con Nós Diario, o Sermos Galiza

Tamén acompaña Nós Diario o semanario Sermos Galiza, cunha entrevista con Rosalía Fernández Rial e con amplas reportaxes sobre o viño Ribeiro e sobre Federico Ribas.

Arquitectura, deseño, cinema, música, literatura, viaxes e pasatempos son outras das temáticas que inclúe un novo número de Sermos Galiza.

Todo isto, en 64 páxinas, por só 3 euros.

 

[Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte nesta ligazón].