Deputación de Pontevedra

A directora de Saúde Pública da OMS abre a segunda parte da Facultade Ágora

María Purificación Neira (Imaxe: Deputación de Pontevedra)

A xornada organizada polo departamento de Mobilidade da Deputación reflexionará sobre como os espazos públicos de calidade en vilas e cidades poden axudar a mellorar da saúde da poboación. Tomarán a palabra o biólogo Josep Selga, o neumólogo do CHUP Adolfo Baloira e a arquitecta e ex directora da Escola Galega da Paisaxe Isabel Aguirre de Úrcola, alén da responsábel de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS), María Purificación Neira.

A Facultade Ágora, a iniciativa formativa da Deputación de Pontevedra para persoal político e técnico da provincia en aras de mellorar o espazo público e aumentar a calidade de vida das persoas, tamén volve as aulas.

Retoma esta sexta feira a súa actividade para falar da relación entre espazos públicos, saúde e biodiversidade. E farao con “profesores e profesoras de excelencia” como a médica María Purificación Neira, que dirixe o departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde, e que nestes momentos está na primeira liña mediática pola crise da Covid.

O principal obxectivo da xornada, á que asistirán de maneira mixta (presencial e por zoom) as máis de 200 persoas apuntadas, é estudar a relación entre a humanización do espazo público e a mellora da saúde e a biodiversidade, complementando as exposicións cun repaso práctico de experiencias locais. 

De maneira concreta abordarase como a polución está a afectar á cidadanía, a prevalencia de determinadas enfermidades relacionadas co modelo de vida aínda imperante, e o feito de que as persoas máis vulnerábeis son as que máis sofren as consecuencias.

Un novo bloque temático

“Antes do verán fixemos seis seminarios englobados en dous bloques, sobre o ‘Bo urbanismo’ e a ‘Boa mobilidade’, e agora iniciamos un novo bloque temático ‘O medio habitábel’, no que queremos disertar e dar unha visión plural sobre o espazo público falando da saúde e a biodiversidade”, subliña o deputado Uxío Benítez.

Alén de Neira, participarán tamén na sesión da sexta feira o biólogo Josep Selga, o neumólogo do CHUP Adolfo Baloira, e a arquitecta e ex directora da Escola Galega da Paisaxe Isabel Aguirre de Úrcola.