O director xeral da CRTVG declara como investigado por presunto delito de acoso laboral

Sánchez Izquierdo entrando a declarar na quinta feira nos xulgados de Compostela.

Alfonso Sánchez Izquierdo declarou na quinta feira nos xulgados de Compostela como investigado por un presunto delito de acoso laboral, após a denuncia dunha traballadora dos medios públicos. Trátase do primeiro director xeral da compañía que testifica como investigado nunha causa aberta pola vía do penal.

A causa aberta por un posíbel delito de acoso laboral contra oito persoas que ocuparon ou ocupan responsabilidades directivas na Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) viviu na quinta feira un novo capítulo no Xulgado de Instrución número 1 de Compostela, onde prestaron declaración como investigados o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e o responsábel do Servizo de Prevención na compañía pública, Manuel Casas Macías.

As declaracións de Sánchez Izquierdo e Casas Macías chegaron após testemuñar neste mesmo procedemento en datas anteriores o subdirector dos Servizos Informativos da CRTVG, Alejandro López Carballeira; a xefa de Programas da Radio Galega (RG), Tania Fernández Lombao; o director de Innovación e Negocio da CRTVG, Xosé Pereira Fariña; a coordinadora de Persoal da Radio Galega, Vitalina Cuña Palencia; e a directora de Recursos Humanos da compañía no momento en que terían sucedido os feitos, Susana Fernández Veiguela. A xefa de Xestión de Persoas, Paula Veloso Pereira, que non puido declarar o 15 de febreiro por problemas de axenda da responsábel do xulgado, ten pendente achegar o seu testemuño.

A comparecencia de Sánchez Izquierdo era a máis agardada de todo o procedemento. No seu caso trátase do máximo responsábel da CRTVG, que ten entre as súas competencias a xefatura superior do persoal, razón pola  que a traballadora querelante lle enviou máis dunha ducia de comunicacións solicitándolle amparo. Precisamente, esta foi unha cuestión á que Sánchez Izquierdo debeu responder na súa declaración diante da titular do Xulgado de Instrución número 1 de Compostela.

Sánchez Izquierdo é o primeiro director xeral da CRTVG, desde a súa fundación en 1985, que pasa por un xulgado do penal. Aliás, esta prodúcese nun momento de críticas xeneralizadas ao ente público pola manipulación e a falta de neutralidade informativa, tras un proceso electoral onde a TVG e a Radio Galega estiveron no foco pola súa liña editorial. Precisamente, o último día da campaña coincidiu cunha nova mobilización do colectivo Defende a Galega, que sumaba a pasada sexta feira 300 xornadas de protestas no marco dos “Venres Negros”.

A representación sindical da CRTVG destaca a gravidade de que o máximo responsábel do ente público declare como investigado nunha causa por presunto acoso laboral. A este respecto, a presidenta do Comité Intercentros da compañía e sindicalista da CUT, Raquel Lema, sinala a Nós Diario que “é a máxima mostra da degradación da CRTVG” e considera que “o desfile polo xulgado de directivos por este caso de presunto acoso laboral é lamentábel, xa que se tería que ter resolto no ámbito interno a través dos diversos mecanismos con que conta a compañía”.

Lema non dubida en cualificar este procedemento como “o máximo expoñente da degradación da cúpula” da CRTVG. Neste punto critica “a tentativa de tapar unha situación que afecta unha parte da estrutura” e explica que “o que se está denunciando é un caso de suposto acoso organizado, onde parte dos investigados integran a estrutura de alta dirección da compañía”.

O membro do Comité Intercentros da CRTVG e responsábel da sección sindical da CIG, Tiago Alvite, afirma, en declaracións a Nós Diario, que “hai unha xuíza que aprecia indicios de delito e investiga as persoas relacionadas co mesmo”.Neste sentido, entende que “debería significar a dimisión ou o cesamento por parte dos seus responsábeis políticos das persoas inmersas neste procedemento”.

Alvite define a situación de “moi grave” e opina que se “debe dirimir no ámbito das responsabilidades políticas”. Nesta dirección, advirte de que “hai unha dirección nomeada co obxectivo de manter os medios públicos ao servizo do Partido Popular (PP) e non ao servizo do pobo galego, polo que sóconta con persoas afíns e marxina as persoas críticas”.

A responsábel de Comisións Obreiras (CCOO) na Corporación da Radio e Televisión da Galiza e integrante do Comité Intercentros, Montse Montaos, apunta a Nós Diario, que “a  consideración como investigado de Alfonso Sánchez Izquierdo é o feito máis grave ao que se chegou na nefasta deriva das relacións laborais no seo da CRTVG, onde hai tempo que o diálogo foi substituído por unhas formas autoritarias que contaminan o labor cotián, chegando ao punto de prexudicar a saúde das persoas”.Nesta perspectiva, entende que estes feitos “deberían xerar unha reflexión profunda entre as xefaturas para rematar cunha conflitividade interna que desgasta todo e a todas”.

Defende a Galega

O colectivo Defende a Galega asegura nun comunicado enviado a Nós Diario que “Alfonso Sánchez Izquierdo vaia declarar como investigado nun presunto caso de acoso laboral, supón unha evidencia máis de que a situación da CRTVG é tóxica e represiva, como vimos denunciando”. Nesta dirección, amosan o seu apoio “ás compañeiras que dan o sempre difícil paso de acudir á Xustiza para defender os seus dereitos fundamentais cando os consideran vulnerados” e lembran que “levan case seis anos denunciando a represión que padecemos as traballadoras que discrepamos coa manipulación informativa”.

Alfonso Sánchez Izquierdo leva na interinidade desde o ano 2016

Alfonso Sánchez Izquierdo prestou declaración no Xulgado de Instrución número 1 de Compostela o mesmo día que facía 75 anos. Designado director xeral da CRTVG en 2009 por un acordo do Consello da Xunta, mantense no cargo de forma interina tras unha reforma da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual da Galiza "á medida", recollida na Lei de acompañamento dos orzamentos de 2016.

A situación de interinidade Dirección Xeral da CRTVG é denunciada pola representación sindical da compañía. Neste sentido, Raquel Lema afirma que “nós estamos esperando a que o Parlamento da Galiza faga un movemento para renovar o director xeral”. Na mesma dirección, Tiago Alvite denuncia que “contamos cunha dirección interina, nomeada pola porta de atrás, que incumpre o disposto Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual da Galiza e que está investigada”. Pola súa parte, Montse Montaos lembra que “unha das obrigas da dirección é xerar espazos de traballo seguros e consideramos que estes feitos deberían, dunha vez, levarnos á renovación do director xeral”.

Defende a Galega denuncia “a situación de interinidade do director xeral, unha burla que se basea nunha trampa que o sistema lexislativo permite, non pode prorrogarse por máis tempo". Consideran que “a inminente constitución do Parlamento galego debe servir para pórlle punto e final a esta anomalía” e agardan que “unha das primeiras decisións da nova Cámara sexa chegar ao consenso necesario para proceder xa ao nomeamento dunha nova dirección xeral”.