O director da Fundación Catedral asegura que o 'Alba de Compostela' "non se solapa" cos demais actos do 25 de xullo

O director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo. (Foto: FC)
O Concello asegura ver "boa predisposición" de cara á celebración deste acto civil.

O Concello de Santiago de Compostela contará o 25 de Xullo cun acto propio chamada 'Alba de Compostela' no cal se homenaxearán persoas e institucións de relevo e arraigo na cidade. Segundo sinalou na presentación da xornada a alcaldesa, Goretti Sanmartín, “a selección das persoas honradas debe atender a criterios de identificación con Santiago, arraigo social, relevancia ou proxección”. Ademais a rexedora anunciou que non acudirá á ofrenda litúrxica do mesmo día.

A este respecto pronunciouse o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo Santos, segundo adianta El Correo Gallego, que indica que Lorenzo non dubida que o Concello fará compatíbel a ‘Alba de Compostela’ cos actos relixiosos “porque é o normal”. Para alén diso, o arcebispo Francisco Prieto asegurou “respectar a decisión de alcaldesa”, palabras secundadas polo propio director da Fundación Catedral segundo indica tamén El Correo Gallego.

As acusacións da oposición

Sobre as acusacións que a oposición Compostelá fixo a respecto de Sanmartín, alegando que estaba a “contraprogramar” os actos litúrxicos, Lorenzo asegura está certo de que o Concello está a traballar para que non coincidan e que non é a primeira vez que hai varios actos o 25 de xullo. “Mentres non se solapen poden ser perfectamente compatíbeis”, acrecentou o director da Fundación Catedral.

Tamén se pronunciou ao respecto a portavoz do Goberno local e segunda tenente de alcaldesa, Míriam Louzao, que lembrou que este acto foi comunicado na xunta de portavoces porque "é un acto da corporación", e tamén se lles comentou ás persoas que propuñan homenaxear e foron convidadas a facer propostas. "Vimos unha boa predisposición", sinalou, e considerou que non se lle pode dar máis "voltas".

A vindeira semana daranse a coñecer máis actos e desvelaranse os nomes das e dos homenaxeados. A edil deu por suposto que a corporación asistirá, porque "non hai ningún motivo para que non o fagan". "Nós estamos a traballar no acto, a xunta de portavoces ten a información e non hai ningunha crítica ao respecto. A única crítica é o día, pero é no Día de Santiago e tomando como referencia o 'Alba de Gloria', non ten sentido facelo outro día", sentenciou.

Alba de Compostela

A alcaldesa da capital da Galiza indicou que co acto preténdese “homenaxear, no centro das celebracións festivas, persoas, institucións e organizacións que constrúen Compostela todo o ano” e “darlle cabida a unha representación da sociedade, de xeito transversal e inclusivo, nas celebracións oficiais”.

Sanmartín explicou que se trata de “instaurar un acto propio do Concello de Compostela para celebrar o día grande da festa máis importante do calendario anual”, de “reafirmar o papel de Santiago como capital da Galiza, vinculándoo á historia e ao futuro”.