O director da CRTVG xustifica a supresión de desconexións locais en base á competitividade

Sánchez Izquierdo, no Parlamento, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)
Exixen restituír os informativos de proximidade no ente público.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, vinculou coa competitividade a supresión das conexións locais na TVG, en resposta ás críticas formuladas polo BNG e o PSdeG no Parlamento galego esta quinta feira, 30 de setembro, coincidindo coa presentación da memoria do ente público correspondente ao ano pasado.

Nela, Sánchez Izquierdo reivindicou o superávit obtido no exercicio de 2020, que cifrou en 1,8 millóns, así como o incremento das audiencias e, especialmente, do consumo de contidos dixitais, de 2%, expuxo.

A deputada do BNG María Albert lembrou a nota de prensa emitida polo Comité Intercentros da CRTVG (a representación legal do persoal do ente público) alertando da “desaparición definitiva das desconexións territoriais que se realizaban a diario xunto con información local específica para as distintas áreas xeográficas” e engadiu que, ademais, xa van tres anos da desaparición dos informativos locais da Radio Galega.

Aliás, salientou que o propio Colexio de Xornalistas da Galiza remitiu unha carta á CRTVG destacando a “fonda preocupación” pola desaparición das desconexións que se viñan emitindo desde hai décadas. 

"Se primase o interese público o lóxico sería reforzar as conexións locais", manifestou a deputada socialista Noelia Otero.

Fronte a iso, Sánchez Izquierdo defendeu que hai que "adiantarse" aos tempos. "Sede física e información de proximidade están superadas polas tecnoloxías", manifestou en relación ás críticas pola supresión das delegacións e sen descartar que "nun futuro" haxa unha reformulación das aínda existentes. Ademais, cualificou de "reporteiros de escena" os xornalistas, ao descartar que a delegación e a información de proximidade vaian unidas.

A deputada socialista Noa Díaz denunciou na súa intervención a "deterioración cada vez maior" no ente público. "Un superávit á conta dos recursos humanos e técnicos", expuxo tamén denunciando, na mesma liña, a precariedade laboral entre o persoal, algo que o director xeral da CRTVG rexeitou.

"Hai que recoñecer os dereitos laborais e profesionais que teñen, son dez anos agardando por eles", afirmou a deputada nacionalista Olalla Rodil, que aludiu á falta de "pluralidade e pluralismo", argumento rexeitado por Sánchez Izquierdo.