O director de 'El Correo Gallego' defende a súa "honorabilidade" ante o que considera "falsidades" sobre a súa xestión

José Manuel Rey Novoa. (Foto: El Correo Gallego)
Rey Novoa cualifica de "cúmulo de falsidades, mentiras e enganos" a información desvelada esta quinta feira sobre unha investigación aberta pola UDEF por presuntos delitos de branqueo de capitais e administración desleal.

José Manuel Rey Novoa, director do xornal El Correo Gallego desde xuño de 1984, sae esta sexta feira ao paso da información publicada na quinta por elDiario.es a respecto da histórica cabeceira compostelá, na que informaba dunha investigación aberta pola UDEF por presuntos delitos —entre eles branqueo de capitais e administración desleal— en relación ás axudas concedidas pola Xunta da Galiza, a CRTVG ou o Concello de Santiago.

Segundo recolle elDiario.es, as autoridades policiais "sospeitan que, mentres os traballadores acumulaban impagamentos nas nóminas de até 24 mensualidades, o xornal seguía a recibir cartos públicos pola porta traseira para beneficio dos seus directivos e que case nunca chegaban á caixa da empresa".

Porén, Rey Novoa defende agora, nun comunicado remitido aos medios e asinado por el mesmo, que se trata dun "cúmulo de falsidades, mentiras e enganos" co "aparente afán de difamar" e de "pór en dúbida" a súa "honorabilidade" e a "doutros dirixentes da empresa".

En consecuencia, o director do xornal avanza que emprenderá "as accións legais que correspondan" ao mesmo tempo que desbota as "gravísimas acusacións" contra a súa xestión: "Desminto rotundamente o contido global do publicado", sentencia.

Rueda xustifica as axudas

No foco da investigación da UDEF estaría, entre outras cuestións, un crédito de 2,5 millóns de euros que acordou conceder a empresa XesGalicia en setembro de 2018, cando Alberto Núñez Feixoo aínda dirixía o Goberno galego.

Na quinta feira o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi interpelado polos medios en relación a este asunto, e manifestou a súa "absoluta tranquilidade" sobre as pesquisas policiais.

Rueda defendeu que "todas as axudas" que dá a Xunta están "xustificadas, avaladas e concedidas desde un punto de vista obxectivo". Aliás, matizou que "unha cousa é a concesión da axuda e outra a posterior evolución da empresa". "Pero a concesión está absolutamente xustificada", resolveu.