Directivos da CRTVG declaran a quinta feira por un presunto delito de acoso nos xulgados de Compostela

Cuña, Lombao, López Carballeira, Veloso Valiñas e Tubio acudindo a declarar en xuño de 2023. (Foto: Nós Diario).

A quinta feira comparecerán no Xulgado de Instrución número 1 de Santiago outras tres das oito persoas que ocupan ou ocuparon responsabilidades directivas da CRTVG e que son investigadas na querela criminal interposta por unha traballadora da Radio Galega por posíbeis delitos de acoso laboral e contra os dereitos dos traballadores.

Os comparecentes este 15 de febreiro son a coordinadora de Persoal da Radio Galega, Vitalina Cuña Palencia; a xefa de Xestión de Persoas e Seguridade Social, Paula Veloso Pereira, e a directora de Recursos Humanos cando se produciron os feitos denunciados, Susana Fernández Veiguela, na actualidade fóra da CRTVG. O 22 de febreiro prestarán declaración, tamén como investigados, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e o responsábel do Servizo de Prevención, Manuel Casás Macías.

A declaración destas tres persoas mañá vén precedida da efectuada o pasado 31 de xaneiro polo director de Innovación e Negocio, Xosé Pereira Fariña; o subdirector dos Servizos Informativos da CRTVG, Alejandro López Carballeira, e a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao. A actuación de Vitalina Cuña ten sido moi criticada pola representación sindical do persoal da CRTVG. Neste sentido, fontes da mesma sinalan a Nós Diario que Cuña ten protagonizado reiterados incidentes con persoas traballadoras na Radio Galega polo “trato despótico e os malos modos que emprega”. Desta problemática fíxose eco o Comité Intercentros, que nun escrito de 28 de maio de 2021 denunciou o “profundo malestar pola xestión dos recursos humanos na Radio Galega”

A nota remitida polo Comité Intercentros a Susana Fernández Veiguela, con copia a Paula Veloso, Alejandro López Carballeira e Tania Lombao, ademais da propia Vitalina Cuña, persoas todas elas con diferentes postos de responsabilidade e agora investigadas por acoso laboral, “solicita que se revise a capacidade de coordinación que ten a Sra. Vitalina Cuña e a idoneidade para ocupar o posto de responsabilidade que ten”. A petición do comité non foi atendida pola empresa.

Cuña tería protagonizado o 8 de febreiro de 2023, segundo denuncia o Comité Intercentros, outro incidente coa representación sindical, á que increpou cando estaban a colocar unha faixa nos taboleiros sindicais e a repartir escritos contra os abusos e “a deterioración do clima laboral existente na canle radiofónica”. Segundo o comité, “a coordinadora saíu do seu despacho berrando que o comité mentía e que era ela a acosada, polo que ía pensar denuncialo”, en presenza das traballadoras que se atopaban nese momento na redacción, entre elas a querelante polo presunto delito de acoso.

A actuación sindical fora decidida polo comité após a sanción imposta a esta traballadora, á que a empresa lle denegou por dúas veces a solicitude de libranza para acompañar o seu pai ancián do hospital no que estaba ingresado a unha residencia. A ausencia da traballadora o día solicitado, entendendo por un erro de interpretación do sistema informático que a segunda petición estaba concedida, motivou que a empresa lle impuxera unha sanción por abandono do posto de traballo, segundo o comité “sen contrastar e con absoluta desconsideración da motivación da solicitude”. Aliás, o director de Recursos Humanos, Víctor Tubío, comunicou a sanción só á traballadora, incumprindo a preceptiva notificación ao comité de empresa.

Os outros nomes da querela por presunto acoso laboral

As outras persoas chamadas a declarar están incluídas nunha querela presentada por unha xornalista que accedeu hai 35 anos, mediante concurso-oposición, a unha praza fixa como redactora na Radio Galega. Após unha paréntese de oito anos nos que ocupou a dirección doutro medio público na Galiza, en 2012 reincorporouse á CRTVG.

A querelante recibiu no mes de xaneiro de 2023 unha orde para presentar as noticias do tempo e o tráfico en streaming. Malia non estar recollida no convenio colectivo a obrigatoriedade de saír en pantalla, o desexo expresado pola traballadora de non o facer foi cualificado polo xefe de Redacción, Xosé Manuel Valiñas Rivas, como “outra freakada”, expresión que o comité considerou “unha descualificación e desprestixio da traballadora que atenta contra a súa dignidade”.

Paula Veloso, xefa de Seguridade Laboral e Relacións Laborais no tempo en que se produciron os feitos, desatendeu unha recomendación do servizo médico da empresa de cambio da situación física da traballadora, asignada por López Carballeira fronte ao seu despacho, o que, segundo o informe pericial, “estaba a afectar negativamene a súa saúde”. Por este feito, entre outros, Veloso terá que responder no xulgado do penal, xunto coa que naquel tempo era a directora de Recursos Humanos, Susana Fernández.