Dimite en bloque toda a directiva da Federación de Librarías da Galiza

Ramón Domínguez, até agora presidente da Federación de Librarías da Galiza (Foto: Nós Diario).
Os membros da actual xunta directiva dimiten cando lles quedaban aproximadamente dous anos de mandato á fronte da federación.

“A actual xunta directiva da Federación de Librarías da Galiza convocará eleccións para a súa renovación a finais de novembro, eleccións ás que non nos presentaremos ningún dos actuais membros da xunta directiva, polo que vos animamos a montar candidaturas para dar continuidade ao proxecto da Federación”, así comeza o comunicado da actual directiva da Federación de Librarías da Galiza ao que tivo acceso Nós Diario.

Os membros da actual xunta directiva dimiten cando lles quedaban aproximadamente dous anos de mandato á fronte da federación.

No comunicado tamén poden lerse os cambios que se fixeron nestes anos ao tempo que inciden en que “todos estos cambios levámolos adiante nunhas circunstancias excepcionais xa que non atopamos ningún tipo de colaboración da Xunta Directiva anterior e ademais atopámonos coa dimisión da secretaria técnica ao mes de entrar nós e polo tanto moita parte de todo este traballo recaeu directamente sobre a actual Xunta Directiva”.

"Motivos persoais e profesionais"

“Cremos que estamos ante un cambio de ciclo no que a Federación ten xa unha estrutura e unha dinámica que agora toca manter e reforzar. A actual Xunta Directiva por diversos motivos persoais e profesionais de cada un de nós, e polo enorme esforzo que supuxo pór a andar todos estes cambios, non podemos seguir á fronte da Federación”, acrecentan.

“Este é o motivo polo que convocaremos proximamente eleccións e pedimos o voso compromiso para montar unha candidatura que poda continuar co rumbo emprendido”, finaliza o comunicado.