Xustiza

Un xulgado abre dilixencias por prevaricación nas concesións de transporte contra o director de Mobilidade da Xunta

Ignacio Maestro, director xeral de Mobilidade, nunha comparecencia no Parlamento galego. (Foto: Xunta)
A finais de marzo o TSXG xa ordenara á Comisión da Competencia incoar un expediente sancionador contra Monbus e Alsa por indicios de "repartirse o mercado".

A xestión do transporte público por estrada segue no punto de mira. O Xulgado Nº1 de Santiago de Compostela acordou incoar "dilixencias previas por un delito de prevaricación administrativa" contra Ignacio Maestro Saavedra, director xeral de Mobilidade da Xunta da Galiza desde 2017. A pasada semana Nós Diario xa informaba da admisión a trámite desa denuncia presentada pola Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros de Galicia (Galibus). O auto no que se acorda abrir dilixencias foi emitido o 27 de marzo e asinado pola maxistrada titular da citada sala Ana López-Suevos.

A finais de marzo, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ordenaba á Comisión Galega da Competencia que incoase un expediente sancionador contra Monbus e Alsa "por indicios de poder repartirse o mercado", ao concorrer en 2020, a través dunha Unión Temporal de Empresas (UTE), a un concurso público de varios contratos de transporte por estrada.

Así, das 29 concesións que se contrataron, presentáronse a cinco en UTE, sinalaba o TSXG. Os maxistrados decretaron, por tanto, a nulidade da resolución da Comisión Galega da Competencia na cal arquivou, sen incoar expediente sancionador, "as actuacións desenvolvidas en virtude das denuncias presentadas, sen realizar a comprobación dos feitos denunciados, existindo indicios racionais de infracción".

Ante a falta de respostas, Galibus denunciou publicamente e en diversas ocasións os feitos, chegando tamén a presentar denuncias xudiciais. Agora a xuíza ve que os feitos denunciados "presentan características que fan presumir a posíbel existencia de delito de prevaricación administrativa".

Con todo, López-Suevos sinala no auto que "non estando determinadas a natureza e circunstancias de tales feitos nin as persoas que interviron", executaranse as "dilixencias esenciais encamiñadas a efectuar tal determinación e, no seu caso, o órgano competente para o axuizamento".

A Xunta, "sorprendida" ante a noticia

Fontes da Consellaría de Mobilidade aseguraron á axencia Europa Press que o director xeral non recibiu ningunha notificación do Xulgado. Móstranse "sorprendidos", por tanto, de que se divulgase publicamente información sobre un procedemento que "non foi notificado polo momento ao representante da Administración galega referido".

Así as cousas, insisten en que a Xunta "cumpriu e segue cumprindo escrupulosamente" a normativa en relación co Plan de Transporte Público da Galiza. Destacan a este respecto que así quedou "acreditado" no "100% dos recursos presentados" por empresas e federacións de transporte de pasaxeiros por estrada desde o ano 2017 ante o Tribunal Administrativo de Contratos da Galiza, así como nos procedementos contencioso-adminitrativos abertos e resoltos, todos eles, a favor da Xunta.

Conclúen asegurando que están a realizar un seguimento "permanente" do funcionamento das concesións de transporte público e que "velan" polo cumprimento dos contratos e a prestación do servizo público. "E así quedará novamente acreditado", inciden.