Diego Rodríguez, colectivo Rampla: "Tendo a materia de 'Coñecemento do medio', o medio propio é o que menos se coñece"

Diego Rodríguez Piñón (á dereita) do colectivo Rampla, e André Ramil (á esquerda), artista (Foto: Nós Diario)
O colectivo cedeirense Rampla lanzou un xogo cooperativo para dar a coñecer os paxaros da zona e, ao mesmo tempo, promover a diversidade lingüística, a igualdade e a solidariedade entre as persoas. O seu promotor, Diego Rodríguez Piñón, leva anos coa teima de difundir o patrimonio da contorna a través de actividades e publicacións como un catálogo de fontes. Ademais conceden cada ano os premios 'Resilientes'. 

Que é o colectivo Rampla?

Non somos unha asociación ao uso, non contamos nin con estatutos nin estamos rexistrados. Reunímonos de maneira periódica e decidimos as accións a levar adiante. Facemos exposicións e presentacións de libros todo o ano. Institucionalizamos os premios ‘Resilientes’ con catro apartados: cultural, social, medio ambiente e deportes. Queremos recoñecer aquelas persoas ou entidades que, a pesar das dificultades que se lles presentan, son capaces de saír adiante e mellorar o seu benestar e mesmo favorecer outras persoas.

Un exemplo, no ámbito social, foi Victorina López en 2017. Unha muller que estaba no desemprego e decidiu estudar a ESO, logo fixo un curso de sociosanitario de atención a persoas no fogar para rematar creando unha empresa de limpeza e axuda no fogar que  agora conta con seis persoas máis traballando nela. Todo iso sendo nai. Non se rendeu nunca. O máis importante é a actitude.   

Como naceu a idea de facer ese xogo?

De pequerrechiño levábame meu pai á zona da Xunqueira, que daquela era un espazo de natureza, co río Condomiñas, e non estaba o polígono industrial que hai hoxe. El era moi afeccionado aos paxaros e mostrábame cales eran. Quedoume e ségueme gustando. Xunto a unhas amizades fixemos un grupo ornitolóxico para estudar as especies da zona como verderolos, merlos ou pimpíns ... Sempre tiven paxaros na cabeza, no bo sentido da palabra.

Interesábame achegar estes temas ás nenas e nenos e creamos unha sala de xogos en Cedeira, mais tiña a inquedanza de como comunicar esa información. Ocorréusenos facer esas fichas e cando din co debuxante André Ramil souben que era o momento. Propúxenllo e aceptou ao instante. Levounos todo o ano 2020.

A intención de facer este xogo é só didáctica ou hai algo máis?

Hai algo máis. Quixemos crear primeiro un recurso educativo e didáctico, achegar a arte e a creatividade á infancia. Promover o xogo nas familias nunha sociedade cada vez máis illada pola presenza dos teléfonos móbiles e outros aparellos tecnolóxicos. Tamén buscabamos potenciar artistas locais. Outra idea era promover a diversidade lingüística e, por ese motivo, as diferentes fichas de paxaros levan os nomes en galego, catalán éuscaro, castelán e inglés. Da mesma maneira trata de promover a igualdade, por iso aparecen unha nena e un neno que están nunha actitude activa. Tamén ten unha intención de fomentar a solidariedade.

As nosas actividades e traballos sempre as facemos sen ánimo de lucro e investimos o noso propio diñeiro, non pedimos ningunha subvención. Tratamos de recuperar o custo e se hai algún beneficio facemos unha doazón a algunha entidade social.

É unha maneira de apoiar a conservación da fauna ornitolóxica da zona

Desde logo! Queremos axudar a coñecer, respectar e valorar a nosa contorna, como é o caso da fauna, da flora e da paisaxe. Lembro que fixeramos un traballo sobre as fontes de Cedeira, a maior parte descoñecidas. Realizamos un catálogo de máis de 80. Elaboramos outro sobre a natureza en Cedeira no que falabamos das parroquias. Descubrimos que unha gran cantidade de rapazas e rapaces da ESO non coñecían as parroquias de Cedeira.

Chamounos moito atención que tendo unha materia co nome de "Coñecemento de medio", o medio propio é o que menos se coñece. Tampouco coñecen as árbores nin os elementos patrimoniais. É información que se esquece. Semella que cada día que avanzamos hai uns substrato que as esquece cada vez máis.