Rexistráronse preto de 1.000 ha arrasadas en tan só tres días

Días negros na loita contra o lume

Os incendios forestais na Galiza deixan unha fin de semana negra que se saldou co tráxico falecemento dun dos pilotos que estaba a traballabar na extinción dun lume en Lobios, após sufrir un accidente co hidroavión no que traballaba.

Durante o incendio forestal rexistrado en Lobios o pasado sábado, un hidroavión que realizaba labores de extinción resultou sinistrado causando a morte dun dos pilotos, segundo informou a Consellaría do Medio Rural. O outro piloto sofre varios politraumatismos e foi evacuado a un hospital de Portugal en helicóptero. O accidente produciuse cunha aeronave CL-2015 da empresa civil Babcock, con sede en Matacán, Salamanca, á que o Goberno de Portugal ten alugados tres avións —dous operativos e un en reserva— en operados por Protección Civil no aeroporto de Castelo Branco.

O lume no que o hidroavión prestaba labores de extinción e que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés rexistrouse en Lobios ás 8 horas da mañá do sábado procedente de Portugal. O incendo, que continúa activo, arrasou nesa zona máis de 350 ha, segundo estimacións da Consellaría de Medio Rural publicadas na mañá do domingo.

Yolanda Díaz e Ana Pontón solicitaron que se "investiguen" as causas do accidente laboral

Após coñecerse o tráxico falecemento dun dos traballadores do lume durante a súa xornada laboral, foron varios as e os representantes políticos que manifestaron á familia do falecido as súas condolencias. Entre eles, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, trasladou o seu sentido pésame a través da súa conta de Twitter. "Todo o meu agarimo para as familias das vítimas e o recoñecemento de todo o Goberno aos equipos que loitan contra os incendios forestais", publicou Sánchez.

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feixoo, trasladou o seu pésame á familia do piloto de orixe portuguesa: "Sigo con preocupación a evolución do ocupante ferido no accidente do hidroavión en Lobios, esperando a súa recuperación. O meu agarimo para a familia do tripulante que tristemente faleceu no sinistro", sinalaba nunha mensaxe na mesma rede social.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou o seu sentido pesar e pediu unha investigación sobre as causas do accidente. A través de varias mensaxes na súa conta de Twitter, Pontón afirmou que o sábado foi "un día de loito para Galiza" e manifestou o seu "sentido pesar" e o da formación que lidera á familia e amizades do falecido, así como "a todo o persoal de extinción".

Tamén a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegurou que se deben esclarecer as causas do accidente deste hidroavión portugués que traballaba nos labores de extinción. Nunha mensaxe publicada no seu perfil de Twitter, a ministra destacou que, "cada verán, nos terríbeis incendios que devoran os montes, as persoas de servizos de extinción xóganse a vida". "Hoxe lamentamos un accidente en Lobios. Traslado todo o meu agarimo á familia do traballador falecido e esperamos pronta recuperación do traballador ferido", sinala a ministra, que subliña que a seguridade no traballo debe de ser "unha condición indispensábel en todas as contornas laborais".

Os técnicos de incendios, en folga por falta de persoal

Xabier Bruna, membro da CIG, manifestou durante a xornada de onte nun acto en recoñecemento aos tripulantes do avión sinistrado, que levan 27 meses intentando atopar unha solución e que o que reclaman "entronca coas cuestións de seguridade" e cun aumento de persoal para facer fronte á carga de traballo que teñen mais estabelecer un operativo "máis profesionalizado".

O conxunto de técnicos, que suman arredor de 120 persoas, encárgase de coordinar os medios de extinción e tamén de tarefas de xestión forestal, explicou. O 15% do territorio galego, ao redor dunhas 300.000 hectáreas, que son "algo menos" das que ocupa a provincia de Pontevedra, xestiónanse a través de contratos da Administración, que non é propietaria, pero administra os terreos.

A protesta que tiñan convocada para este domingo, cando se cumpren oito días da súa folga indefinida, converteuse nun acto de "recoñecemento e condolencias" polo accidente dun hidroavión que participaba onte nos labores de extinción do incendio de Lobios e que provocou a morte dun dos tripulantes e feridas ao outro.

Suman 30 investigados e detencións por incendios  

As forzas e corpos de seguridade do Estado levan, no que vai de ano, un total de 30 investigacións e detencións por incendios forestais na Galiza, a maior parte delas na comarca de Ourense, que acumula 16, informou este domingo a Delegación do Goberno.

A través dun comunicado, expuxo que na área de Lugo se fixeron sete investigacións e detencións, mentres que foron catro na da Coruña e tres na de Pontevedra, até o momento.

O peor mes, de acordo con estes datos, foi o de xullo, con doce persoas implicadas (catro na Coruña e Ourense, tres na área de Lugo e unha na de Pontevedra), catro máis que en xuño. En maio houbo dúas persoas investigadas ou detidas, ambas as dúas na comarca de Ourense; en abril foi unha, en Lugo; en marzo rexistráronse cinco (catro en Ourense e unha en Lugo); e en febreiro, dúas (só na área de Ourense).

O ano pasado a estas alturas había 45 persoas detidas ou investigadas pola súa relación con incendios forestais na Galiza, agregou a mesma fonte.

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López- Riboo, cualificou de "moi preocupantes" estes datos e chamou á colaboración cidadá: "Cando alguén vexa un imprudente ou un incendiario, que avise á Garda Civil ou a Policía, que denuncie".

Ademais, pediu "extremar as precaucións no monte, en especial nesta época de calor extrema e de escaseza de choivas" e reafirmou a "vontade total" do Goberno e estatal para "acabar co lume nos montes".

López-Rioboo fixo un recoñecemento ao "esforzo" realizado para combater os incendios forestais e destacou que os corpos e forzas de seguridade seguirán co seu labor de vixilancia e prevención e investigarán os incendios.

Máis de 12.500 ha de monte queimadas en cinco anos 

Segundo os datos recompilados pola A Sociedade Galega de Historia Natural e publicados en Nós Diario, nos últimos días sobre a incidencia do lume no sueste ourensán, desde 2015 arderon máis de 12.500 hectáreas. A partir das imaxes do satélite Copérnico, esta asociación dedicada ao estudo, divulgación, conservación e defensa do medio natural constatou, ademais, que dúas das zonas queimadas hai menos de tres anos volveron arder estes días, e que no último lustro houbo sete grandes incendios, de máis de 500 hectáreas cada un. "A fotografía aérea da última década é aínda máis pavorosa", avanza Serafín González, quen critica o gasto "que non investimento" do orzamento anual de máis de 170 millóns de euros do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga).

Evitar que os lumes se repitan de forma cíclica, di, exixe reverter a estrutura do territorio. "O abandono dos usos múltiples do monte simplifica a paisaxe", cada vez máis homoxénea, sen rastro dun mosaico de bosque e cultivos, diverso e habitado, con menor risco de incendios.

Cambio de estratexia na loita contra o lume

Alén das condicións meteorolóxicas propicias e ausencia de precipitacións, a demora nos labores de limpeza de biomasa por mor da Covid-19 favorece a expansión de incendios nestes meses.

O maior incendio da Galiza no que vai de ano arrasou 1.535 hectáreas de monte nos concellos de Cualedro e Monterrei, na comarca de Verín. Converteuse, ademais, no maior lume forestal desde a vaga de incendios de outubro de 2017.

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) solicitou á Xunta que mudase a súa estratexia na loita contra os incendios forestais, xa que urxe, segundo indicaron, unha "abordaxe sociolóxica, demográfica e económica do problema".